Skip to main content

O Nobel de Medicina Richard Roberts intervén esta semana en ConCiencia

Comparecerá diante dos medios este mércores, ás 11:00 horas en Fonseca, acompañado de Ángel Carracedo

O Premio Nobel de Medicina en 1993, Richard Roberts, inaugura esta semana en Compostela a sexta edición do Programa Conciencia. A visita deste científico británico, coñecido por denunciar as farmacéuticas a quen acusa de ralentizar e mesmo frear o desenvolvemento de fármacos, comeza este mércores 8 cunha comparecencia diante dos medios de comunicación ás 11:00 horas na Sala de Prensa de Fonseca. A ela asisten ademais o profesor Jorge Mira, responsable de ConCiencia, e o catedrático Ángel Carracedo, padriño do Nobel nesta visita. As actividades de Roberts en Santiago continúan cunha xuntanza co reitor en San Xerome ás 17:00 horas na que asinará o Libro de Honra da USC. Conferencia A xornada do xoves 9 comezará cunha reunión con investigadores ás 12:30 horas no Centro de Estudos Avanzados. Xa pola tarde, ás 20:00 horas na Aula Sociocultural Novacaixagalicia (Carreira do Conde, 18), pronunciará a conferencia Por que me gustan as bacterias? aberta ao público en xeral.

Richard Roberts recibiu o Premio Nobel xunto con Phillip A. Sharp polo seu descubrimento dos intróns, fragmentos de ADN que están presentes nos xenes pero que non codifican información. O científico descubriu tamén que os xenes poden ser descontinuos, é dicir, que poden estar presentes no ADN en diferentes segmentos ben separados. Ao principio o achado fíxose nun virus típico causante de catarros, o chamado adenovirus, pero pronto se viu que estes intróns son frecuentes en organismos superiores, como o ser humano.

The contents of this page were updated on 06.07.2011.