Skip to main content

Os estudantes do grao en Enxeñaría Informática son os destinatarios dun taller sobre Business Intelligence na Escola Técnica Superior de Enxeñaría

A actividade inscríbese na ‘Aula Profesional ETSE’ que achega o mundo empresarial aos estudantes da Escola

Os estudantes do grao en Enxeñaría Informática son os destinatarios do taller ‘Business Intelligence: conceptos básicos e taller de aplicación práctica’ que vai impartir este mércores 8 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría a partir das 16:00 horas Andrés García-Rodeja, da división Enterprise Information Solutions de HP (www.hp.com/go/bi). Esta é unha actividade formativa organizado polos profesores do grao Manuel Lama e Juan Carlos Vidal, do Departamento de Electrónica e Computación da USC, inscrita dentro da actividade “Aula Profesional ETSE” (http://www.usc.es/etse/aulaprofesional), que achega o mundo empresarial aos estudantes da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, mediante visitas técnicas, conferencias, seminarios ou, como sucede neste caso, talleres. As solucións de Business Intelligence dan soporte con ferramentas informáticas á análise e presentación dos datos dispoñibles nunha organización, de xeito que permiten mellorar o coñecemento da mesma e a comprensión do seu funcionamento interno. Segundo os seus promotores, estas solucións son decisivas na actualidade para a mellora da competitividade nas organizacións e o incremento da súa capacidade de adaptación a cambios no contorno. No taller os asistentes poderán coñecer dun xeito práctico diversos aspectos das solucións de Business Intelligence, como por exemplo que uso profesional se fai delas, cal é a arquitectura tecnolóxica que as soporta ou que metodoloxías e procedementos son precisos para a súa implantación. O taller inclúe actividades de posta en práctica de técnicas básicas de análise de información que permitirán experimentar algunhas das dificultades que xorden habitualmente ao desenvolver este tipo de solucións. A ferramenta utilizada no taller será Microsoft Excel, que nas súas últimas versións incorpora cada vez máis funcionalidades específicas para Business Intelligence e é unha das ferramentas máis utilizadas neste ámbito pola súa accesibilidade e facilidade de uso.

O responsable do taller é Andrés García-Rodeja, Program Manager na división Enterprise Information Solutions de HP. Lidera os proxectos de Business Intelligence de HP en Galicia dende 2007, e ten mais de 10 anos de experiencia no eido. No contexto mundial, a división Enterprise Information Solutions de HP está composta en todo o mundo por 3.200 profesionais que centran a súa actividade en ofertar diferentes servizos no ámbito de Business Intelligence, coma son servizos de estratexia e goberno da información, servizos de arquitectura da información ou servizos de síntese e difusión de información.

The contents of this page were updated on 06.07.2011.