Skip to main content

Un investigador da USC consegue unha Starting Grant para interpretar os resultados máis novidosos do LHC do CERN

Carlos Salgado
Carlos Salgado
Trátase dunha das axudas máis competitivas para proxectos científicos a realizar en Europa

O físico Carlos Salgado, Ramón y Cajal da USC, acaba de recibir unha bolsa europea Starting Grant do European Research Council (ERC) para estudar e interpretar os resultados máis novidosos do colisionador de partículas do CERN suízo que o diferenza de todos os anteriores. A axuda é unha das máis prestixiosas do Consello Europeo, que as instaurou en 2007. No seu proxecto, titulado ‘Hot and dense QCD in the LHC era’, profundará nos primeiros resultados -” espectaculares desde o punto de vista científico”, apunta Salgado- do CERN, que comezou a facer experimentos en decembro do pasado ano. En concreto, trátase de estudar estados da materia a altísimas temperaturas onde os quarks e os gluóns están libres en distancias macroscópicas do tamaño do núcleo atómico. O proxecto, esencialmente teórico, pretende comprender as propiedades destes medios creados no LHC, pero ten unha compoñente de comunicación coas colaboracións experimentais moi importante. Isto é, levar a cabo un estudo dos datos experimentais que vaian sendo públicos e interpretalos, algo indispensable para o éxito do programa. No proxecto inclúese tamén unha pequena parte para divulgación dos achados científicos, unha actividade á que xa vén dedicando tempo o investigador, que con regularidade imparte charlas en centros educativos e participa en accións que fomentan a relación co centro suízo. Logo de defender a súa tese de doutoramento na USC baixo a dirección do catedrático Carlos Pajares, Carlos Salgado completou a súa formación con diversas estadías na Universidade de París Sur, no CERN e na Universita di Roma La Sapienza, nas que traballou por un período de dez anos. Conta con 90 artigos publicados para un total de 130 publicacións, sendo dos mais citados internacionalmente entre os investigadores novos da súa especialidade.

The contents of this page were updated on 06.13.2011.