Skip to main content

A USC é unha das doce universidades españolas seleccionadas para un estudo estatal que avalía os logros e retos pendentes en materia de violencia de xénero

O estudo analiza os logros alcanzados e retos pendentes en materia de sexismo e violencia de xénero
O estudo analiza os logros alcanzados e retos pendentes en materia de sexismo e violencia de xénero

A USC é unha das doce universidades seleccionadas en toda España para participar nun estudo de ámbito estatal sobre logros alcanzados e retos pendentes en materia de sexismo e violencia de xénero dende o punto de vista da mocidade, e con especial atención ao papel da universidade na superación destes problemas. Trátase dunha iniciativa promovida pola Unidade de Psicoloxía Preventiva da Universidade Complutense e a delegación do Goberno para a Violencia de Xénero do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade. Na fase de recompilación de información que actualmente se está a desenvolver, o alumnado das dez titulacións seleccionadas para participar no estudo deben responder de forma anónima a un cuestionario. O acceso pódese realizar dende calquera ordenador ao enderezo web http://www.redconvivencia.net/igualdad ata o próximo 30 de xullo. Nesta iniciativa poderá participar estudantado de último curso de Psicoloxía, Xornalismo, Ciencias Políticas e da Administración, Educación Social, Bioloxía, Medicina, Odontoloxía, Xeografía e Historia, Enxeñaría Agrónoma e Enxeñaría Técnica Forestal. Ademais, a Facultade de Psicoloxía foi a encargada de formar dous grupos de discusión, un constituído especificamente por alumnas e outro por alumnos, que debateron independentemente durante dúas sesións sobre cuestións relacionadas coa violencia de xénero. As reunións dos grupos de discusión celebráronse na Facultade de Ciencias da Comunicación baixo a coordinación da profesora Mar Bernal. A USC remitirá un documento acreditativo de participación asinado pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade ao alumnado que o desexe. Para cada unha das dez titulacións seleccionadas, os responsables de cada centro nomearon a unha persoa que coordinou o estudo e orientou e informou ao alumnado interesado.

The contents of this page were updated on 06.13.2011.