Skip to main content

Reuniuse en Santiago o Consello Académico da Rede Internacional de Doutoramento en Física de Partículas, Astrofísica e Cosmoloxía da que forma parte a USC

O encontro celebrouse na Facultade de Física. Foto Alfonso
O encontro celebrouse na Facultade de Física. Foto Alfonso

A Facultade de Física acolleu este mércores a segunda reunión do Consello Académico da rede internacional de doutoramento IDPASC (International Doctorate Network in Particle Physics, Astrophysics and Cosmology – www.idpasc.lip.pt), da que forma parte a USC a través do programa de doutoramento do seu Departamento de Física de Partículas. Na xuntanza participaron o director do Centro de Posgrao da USC, Ignacio Zarra, e os profesores Máximo Pló Casasús e Carlos Merino Gayoso, ambos os dous membros permanentes do Consello Académico de IDPASC O encontro tivo lugar aproveitando a presenza en Compostela dos membros do Consello Académico de IDPASC para participar no Congreso Internacional Low-x Meeting 2011 que reuniu estes días a un cento de expertos de primeiro nivel internacional no campo da Física de Partículas. A rede A rede internacional de doutoramento IDPASC, constituída en 2010 e que coordina o profesor Mário Pimenta do Laboratório de Instrumentacao e Física Experimental de Partículas e do Instituto Superior Técnico da Universidade Técnica de Lisboa de Lisboa, confórmana o CERN; o programa de doutoramento das Universidades do Minho, Aveiro e Porto; o Instituto Superior Técnico da Universidade Técnica de Lisboa; a Facultade de Ciencias e Tecnoloxía da Universidade de Coimbra; e as Universidades portuguesas do Algarve, Évora e Lisboa, españolas de Granada, Santiago e Valencia, francesa de Paris Diderot (Paris VII) e a italiana de Udinea.

A rede ten como obxectivo a preparación de científicos nas áreas de Física de Partículas, Astrofísica e Cosmoloxía promovendo programas conxuntos de formación e reforzando a mobilidade de estudantes, docentes e investigadores das distintas institucións participantes. Está supervisada por un comité científico internacional que conta con científicos de prestixio internacional e do que forma parte o profesor Carlos Pajares Vales, catedrático da USC e representante español no Comité Científico do CERN.

The contents of this page were updated on 06.08.2011.