Skip to main content

Ángel Carracedo e Fermín Navarrina recibiron a Insignia de Ouro da USC

Fermín Navarrina e Ángel Carracedo, momentos antes do inicio do acto académico
Fermín Navarrina e Ángel Carracedo, momentos antes do inicio do acto académico
Foi no transcurso da xornada conmemorativa de San Lucas, patrón da Facultade de Medicina

Os profesores Fermín Navarrina e Ángel Carracedo foron os protagonistas este luns do acto organizado co gallo da festividades de San Lucas, patrón da Facultade de Medicina e Odontoloxía. Ambos docentes recibiron de mans do reitor Juan Casares a Insignia de Ouro da institución compostelá, en recoñecemento as súas traxectorias e méritos acumulados nos seus respectivos ámbitos de traballo. Nesta sesión, na que tamén participou o decano Juan Gestal, o profesor Francisco Javier Jorge Barreiro e a profesora María Victoria Lareu Huidobro foron os encargados das laudatios de ambos homenaxeados. Así, Jorge Barreiro realizou unha descrición detallada da progresión académica e profesional profesor Navarrina ao longo de máis de 50 anos de dedicación docente. Neste tempo, “ocupou todos os postos administrativos da carreira docente” ao que se engade “unha dilatada traxectoria como médico”, se ben este perfil “non fai xustiza á persoa”, engadiu o doutor Jorge. Neste senso, a laudatio puxo a figura de Navarrina como un exemplo de “vocación e eficacia docente, capaz de abrir a alma do seu alumnado” e cunha capacidade de convicción dialéctica “inigualable”.

“Cúmulo de intelixencia, clarividencia e de ganas de traballar”, é a fórmula coa que Victoria Lareu cualificou ao profesor Carracedo, “unha persoa irrepetible” á que caracteriza a súa gran intensidade de traballo. Lareu dixo que unha das constantes do homenaxeado era a súa loita contra o tempo, “ máis tempo para facer máis”. Aínda que a súa dimensión investigadora ten alcanzado un destacado recoñecemento, como o demostran a Medalla de Galicia, o Premio Jaume I ou a Medalla Adelaida, entre moitas outras, Carracedo “tamén é profesor, un mestre, polo que sabe e polo seu entusiasmo cando o transmite”, o que converte “nun motor” para todo o seu contorno.

O reitor Juan Casares, acompañado do decano Juan Gestal, foi o encargado de entregar as Insignias de Ouro da USC

The contents of this page were updated on 10.17.2011.