Skip to main content

O estudante da USC Alejandro Vilar proclámase gañador da XVI Olimpíada Iberoamericana de Física disputada en Ecuador

Alejandro Vilar López, estudante do grao en Física da USC procedente da localidade luguesa de Rábade, acaba de incluír o seu nome no cadro de honra da XVI Olimpíada Iberoamericana de Física disputada en Guayaquil (Ecuador), logo de alcanzar o primeiro posto desta competición á que concorrían máis de medio centenar de persoas representando a preto de vinte países. A delegación española proclamouse como a mellor da proba cos seus catro integrantes en posicións de medalla, concretamente dous ouros e outras tantas de prata. Unha proba experimental de cinco horas, na que debía calcular o índice de refracción do vidro, e outra sobre coñecemento teóricos da mesma duración, foron os retos que Alejandro Vilar tivo que superar para alcanzar o ouro e o primeiro posto da competición. Con anterioridade, Vilar clasificárase como segundo na Fase Autonómica, representando á USC, e entre os dez primeiros na Fase Nacional. O resultado non deixa de sorprender a Alejandro Vilar para quen “entrar no top 10 era xa unha idea un tanto ambiciosa de máis”. Xunto ao recoñecemento, este estudante de Física trouxo consigo de Ecuador “unha experiencia cultural intensísima e fortemente enriquecedora”, a través da que ten reforzado a súa percepción do espazo Iberoamericano “antes algo frío que estaba na miña mente” e agora un concepto que se ten ”apoderado dun pedazo do meu corazón, que se sinte tamén ata certo punto iberoamericano”. Vilar sinala que nunha competición destas características o importante máis que “quedar por diante do adversario, é competir contra un mesmo, vencer un problema que se formula e que sae do típico que fas todos os días de xeito mecánico, o que lle dá un punto de interese engadido”. Xa sexa na fase iberoamericana, nacional ou autonómica, a participación nestas probas foi “a todas luces única”. Mellor nota de acceso PAAU O mellor da Olimpíada Iberoamericana pero tamén a mellor nota galega na fase xeral das probas de acceso á universidade (resultante de ponderar cun 60% a nota media do Bacharelato e cun 40% a nota medias das probas xerais de acceso), xa que Alejandro Vilar obtivo unha nota de 9,86.

Matriculado no Grao en Física da USC, escolleu este ámbito do coñecemento “porque me gusta e porque quero pensar que dalgún xeito se me dá ben”. Unha opción na que busca “saciar a curiosidade e as ansias de coñecemento”.

The contents of this page were updated on 10.06.2011.