A Universidade de Santiago e ESTEVE crean unha unidade de investigación mixta para descubrir novos medicamentos

A Universidade de Santiago e o laboratorio Esteve acaban de dar un paso máis no eido da investigación farmacéutica ao inaugurar este martes unha unidade de avaliación de compostos in vitro que operará no Edificio Emprendia. Trátase da primeira unidade mixta en I+D farmacéutica de Galicia e a segunda de España. A constitución formal deste novo centro contou coa participación do reitor Juan Casares; da conselleira de Sanidade, Pilar Farjas; do director xeral de I+D, Ricardo Capilla; do presidente de ESTEVE, Antoni Esteve; e da coordinadora do Grupo BioFarma, a catedrática de USC Mabel Loza. Dedicada ao desenvolvemento e implementación de métodos robotizados de determinación da actividade farmacolóxica in vitro de potenciais novos axentes farmacolóxicos para o tratamento da dor e a inflamación, en USC-ESTEVE traballan cinco investigadores aos que hai que sumarlle outros tantos que desenvolven tarefas en proxectos mixtos con este laboratorio e outros. O acordo con Esteve ten unha duración de cinco anos prorrogables e un investimento de entre cincocentos e seiscentos mil euros anuais. Innovación aberta A nova unidade incorpora por primeira vez en Galicia un sistema de colaboración público-privada baseado no modelo actual de innovación aberta para o descubrimento de fármacos “que cambia completamente o modelo tradicional de transferencia por outro flexible baseado na calidade, a confianza mutua e a eficiencia para levar antes e con menor custe novos medicamentos aos pacientes”, dixo Mabel Loza. A este respecto, “nesta forma diferente de orientar as prácticas de investigación de calidade á súa traslación o máis inmediata posible o grupo BioFarma e a USC son pioneiros xa desde 1998”, engadiu. Así, USC-ESTEVE atópase máis alá do concepto clásico de colaboración entre empresa e universidade xa que non só integra os obxectivos dos proxectos de I+D senón tamén as instalacións e os investigadores, facilitando unha maior interrelación e fluidez no desenvolvemento de novos proxectos farmacéuticos. Segundo Antoni Esteve, “a finalidade deste tipo de alianzas é crear un novo modelo de I+D en rede onde a excelencia, como é o caso da USC, sexa a principal sinal de identidade, garantindo o máximo nivel científico e tecnolóxico”. Juan Casares destacou así mesmo o interese deste novo modelo “que achega a colaboración público-privada” e o “poder” que ten para “atraer empresas punteiras como Esteve para Galicia”. “ Estou convencido –dixo- que así se poderá aproveitar a calidade do persoal formado nas nosas universidades e crear postos de traballo cualificados”. Excelencia da USC Tras doce meses de exitosa andaina, en Galicia esta unidade está vinculada coa Rede de I+D de Medicamentos que integran grupos das súas tres universidades, de tres fundacións hospitalarias e da rede COMBIOMED do Instituto Carlos III, un contorno de xeración multidisciplinar de coñecemento biomédico focalizado en novos mecanismos de acción que permitan identificar novas moléculas activas dentro do ámbito da dor, a principal liña de investigación de ESTEVE. O elevado nivel científico, a experiencia en investigación farmacéutica, a excelencia e a competencia profesional do equipo humano – na súa maioría novos investigadores con formación doutoral- foron as razóns que levaron escoller a USC a Esteve, que ten depositadas neste proxecto grandes expectativas de éxito. “ A nosa responsabilidade pasa tamén por fomentar a vocación investigadora na xuventude. Desde ESTEVE e a USC pretendemos promover un novo futuro para a xente nova, especialmente para os que mostran interese pola ciencia e a tecnoloxía. Non podemos perder esta oportunidade” comentou Antoni Esteve. Unidades mixtas O proceso de I+D de novos medicamentos é custoso e complexo, no que intervén unha gran diversidade de disciplinas científicas que nos últimos anos experimentaron grandes avances, moitos deles propiciados por novas tecnoloxías. A necesidade de eliminar as barreiras, tanto entre as distintas disciplinas científicas como entre os grupos máis interesados na investigación básica (xeralmente do ámbito público) e aqueles máis orientados ao desenvolvemento de novos medicamentos (principalmente do ámbito privado), impulsou en ESTEVE o establecemento de acordos de colaboración que permitan compartir o coñecemento de todos os actores participantes nas diferentes etapas do proceso de I+D. Mostra disto son as unidades mixtas de investigación entre empresas e centros públicos, nas que o persoal contratado polo centro académico desenvolve tarefas de investigación en proxectos da empresa, en laboratorios emprazados no centro académico e equipados pola empresa. Trátase de incorporar o máximo talento aos proxectos empresariais, tendo acceso a grandes instalacións que en solitario unha compañía no se pode permitir. Ademais da de Santiago, USC ESTEVE conta con outra unidade mixta, a ESTEVE-ICIQ, emprazada no Instituto Catalán de Investigación Química de Tarragona. Así mesmo, ESTEVE dispón dun laboratorio químico e outro de farmacoloxía no Parc Científic de Barcelona. ESTEVE ESTEVE é un grupo químico-farmacéutico líder en España e cunha importante presenza internacional. Desde a súa fundación en 1929 mantén un firme compromiso coa excelencia, dedicando os seus esforzos a promover a saúde e mellorar a calidade de vida das persoas. Conta cun equipo de cerca de 2.900 profesionais e está presente con filiais e instalacións produtivas en varios países europeos, en EE.UU., China e México, realzando a súa actividade mediante a I+D de novos fármacos cun alto valor engadido.
No ámbito da investigación colaborativa público-privada ESTEVE é pioneira en España, destacando o proxecto HIVACAT dos Hospitais Clínic de Barcelona e Germans Trias i Pujol de Badalona, coa participación da Fundación La Caixa e os departamentos de Saúde e de Economía e Coñecemento da Generalitat, que persegue o desenvolvemento de vacinas profilácticas e/ou terapéuticas para o VIH. Ademais, a cooperación co CBATEG da Autónoma de Barcelona no proxecto Sanfilippo, traballa no desenvolvemento dunha terapia xénica para o tratamento do Síndrome de Sanfilippo.


