Skip to main content

Investigadores da USC colaboran nun estudo que reconstrúe os cambios na concentración de metais traza no Mediterráneo

Investigadores da USC colaboran nun estudo que reconstrúe os cambios na concentración de metais traza no Mediterráneo
Investigadores da USC colaboran nun estudo que reconstrúe os cambios na concentración de metais traza no Mediterráneo

Antonio Martínez Cortizas, do grupo ES2-EPEC da USC, colaborou no desenvolvemento dun estudio nacional que logrou realizar unha reconstrución sen precedentes dos cambios na concentración de metais traza (Fe, Mn, Ni, Cr, Cu, Pb, Cd, Zn, As e Al) no noroeste do Mediterráneo durante os últimos cinco mil anos. O equipo estaba liderado por Miguel Ángel Mateo do Centro de Estudos Avanzados de Blanes e contou coa colaboración dos investigadores da USC pola súa longa experiencia no estudo de rexistros ambientais de paleocontaminación. O estudo foi publicado recentemente na revista Science of the Total Environment. O rexistro sedimentario de Posidonia oceanica, obtido na bahía de Porlligat (Xirona) é o arquivo máis antigo e detallado da contaminación no Mediterráneo dende tempos prehistóricos. Os depósitos subxacentes ás praderías de Posidonia oceanica atópanse entre os arquivos paleoambientais de maior calidade en ambientes costeiros/mariños, cunha excelente resolución e extensión temporal, sendo ideais para a reconstrución do pasado da costa mediterránea, unha área especialmente exposta ás perturbacións naturais e antropoxénicas. Nas últimas décadas afianzouse o recoñecemento das numerosas funcións que desempeñan os ecosistemas formados por fanerógamas mariñas, estando considerados un patrimonio natural de extraordinario valor ambiental e económico das costas españolas. Neste senso, o Mediterráneo foi berce de importantes civilizacións e imperios ao longo da súa historia e a ocupación humana deixou unha pegada importante como é a regresión das praderías fanerógamas mariñas, o que segundo os investigadores pon de manifesto a necesidade de desenvolver estratexias de protección e recuperación. Este estudo contribúe á revalorización dos servizos de ecosistema que achegan estas praderías de Posidonia ao demostrar que funcionan como filtros que mitigan a contaminación por metais pesados e constitúen un rexistro paleoambiental único no Mediterráneo.

The contents of this page were updated on 10.04.2011.