O profesor Jorge Dias de Deus recibiu a Insignia de Ouro da USC

O profesor Jorge Dias de Deus, do Instituto Superior Técnico de Lisboa e do Centro Multidisciplinar de Astrofísica de Portugal, recibiu este xoves 13 a Insignia de Ouro da USC en recoñecemento a máis de 30 anos de colaboración continuada con docentes e investigadores da USC no ámbito da Física de Partículas. O reitor Juan Casares impúxolle a insignia nun acto no Salón de Graos do Colexio de San Xerome no que tamén interveu o profesor Carlos Pajares. Este último foi o encargado de realizar unha laudatio que deixou constancia do perfil de Jorge Dias como “un portento da intuición”, preocupado ademais “polo seu país e a modernización da Ciencia en Portugal”, reto que Pajares considera alcanzado por medio de unha xeración “conxurada a prol da transformación da Ciencia con transcendencia non só académica, senón tamén social”. Dias de Deus é, no resumo realizado por Pajares, “un home que gusta da Ciencia, facela ben”. Falando sobre a dimensión da Física e o seu interese por todas as escalas, Jorge Dias dixo sentirse peregrino en Compostela nun ritual que leva anos repetindo para acudir á USC. O docente portugués recibiu de manda do reitor a Insignia como “unha honra que me gustaría compartira todas as persoas que contribuíron á cooperación que actualmente existe”. Pola súa banda, o reitor Juan Casares pechou a sesión cualificando esta imposición como un “acto merecido, no que se mesturan pracer e honra” con quen foi capaz de mostrar semellante “capacidade de compartir traballo e coñecemento”. Jorge Dias de Deus colabora con integrantes do Departamento de Física de Partículas dende o ano 1979, tanto no desenvolvemento de proxectos de investigación conxuntos, como na titoría de doutorandos ou na elaboración de artigos con membros da USC. Está considerado un investigador prestixioso, recoñecido no seo da comunidade internacional, cunha traxectoria intensa sendo investigador en centros de prestixio como o Instituto Niels Bhor de Copenhague, a Universidade de París VI, o laboratorio Rutherford ou o University College de Londres. Entre outros cargos, foi director do Instituto Superior Técnico e presidente da Axencia para a Enerxía portuguesa, así como fundador do Centro Multidisciplinar de Astrofísica (CENTRA). Ao longo destas tres décadas de colaboración, Dias de Deus publicou xunto con investigadores da institución académica compostelá no eido da Física de Partículas 25 artigos en publicacións internacionais de primeira magnitude. Institucionalmente foi clave para a organización conxunta dun encontro anual entre investigadores da USC e do Instituto Superior Técnico de Lisboa e que acumula xa doce anos de vida. Esta é unha iniciativa que permitiu estreitar a colaboración xa existente e estendela a outros dominios como o dos raios cósmicos. Este workshop atrae ademais a físicos de fóra da Península, de tal xeito que é habitual a presenza de investigadores de recoñecido prestixio no seu desenvolvemento.
Ambas as dúas institucións desenvolveron a partir desta colaboración un programa de doutoramento conxunto que abarca tamén ás universidades de Paris VI e Valencia, co respaldo do CERN.