Skip to main content

Un curso de verán profunda nas razas autóctonas de Galicia

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2011

A rubia galega, o porco celta, a raza Mos ou as abellas serán obxecto de pormenorizada análise nun curso de verán a celebrar en Lugo no mes de setembro centrado nas razas autóctonas de Galicia e os seus produtos tradicionais. O seminario, que tratará as estratexias de comercialización dos produtos das razas autóctonas galegas, estudará concretamente a calidade da carne e as estratexias de mercado da rubia galega, as estratexias para a produción e as normas de calidade para os produtos elaborados do Porco Celta, a promoción da raza ovina galega, a calidade e comercialización da raza Mos e a mel e outras producións apícolas. Como cuestións xerais o curso estudará a trazabilidade xenética na gandería autóctona de Galicia, o benestar animal e as producións das razas de gando autóctonas do norte de Portugal. Entre o claustro de relatores figura persoal experto da Universidade, da Xunta e de empresas e asociacións e federacións específicas. O curso, a desenvolver no Ibader do Campus de Lugo, está dirixido polos profesores Antonio Iglesias Becerra e Xesús Feás Sánchez.

The contents of this page were updated on 07.19.2011.