Skip to main content

O Ibader analiza nun curso de verán o estado actual e valor ambiental dos bosques galegos

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2011

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC (Ibader) organiza entre o 19 e o 22 de xullo o curso de verán ‘2011 Ano Internacional dos Bosques: unha aproximación desde Galicia’. O seminario desenvolverase nas instalacións do propio Ibader para trasladarse o xoves á Estación Científica de Seoane do Courel e celebrar unha xornada na que se amosarán aos participantes os principais tipos de bosques existentes nas montañas do oriente de Galicia. Esta actividade docente e divulgativa enmárcase dentro da declaración por parte da UNESCO de 2011 como Ano Internacional dos Bosques e ten como principal obxectivo achegar á sociedade unha diagnose do estado actual e valor ambiental das masas forestais de Galicia centrada naquelas que corren un maior risco de desaparición ou degradación -os bosques autóctonos- así como a definición de alternativas de xestión que garantan o seu valor ecolóxico e posibilidades de aproveitamento futuro. Entre os relatores figuran docentes das universidades galegas con ampla experiencia nos ámbitos ecolóxico, botánico, faunístico, edáfico e da historia forestal, así como persoal do Servizo de Defensa contra Plagas da Consellaría de Medio Rural e expertos de recoñecido prestixio na divulgación dos valores monumentais e patrimoniais dos arboredos e árbores senlleiras. As actividades desenvolveranse en horario de tarde, de 16:00 a 19:00 horas, salvo na xornada do xoves, que abranguerá desde ás 9:00 ás 19:00 horas.

The contents of this page were updated on 07.13.2011.