Remata a primeira quenda dos Campus Científicos de Verán coa exposición pública das investigacións
Os trinta estudantes españois de 4º de ESO que esta primeira quincena de mes asistiron en Santiago aos Campus Científicos de Verán 2011 celebran este venres 15 a súa última sesión. A partir das 11:00 horas no Centro de Estudos Avanzados presentarán publicamente os traballos de investigación nos que estiveron colaborando. Nesta ocasión son catro os proxectos de investigación que a Universidade de Santiago ofrece: ‘ Sistema de tratamento para eliminar a contaminación das augas residuais’, dirixido por Gumesindo Feijoo Costa, ‘Buscando as partículas más enerxéticas do Universo’, de Inés Valiño Rielo; ‘A maxia dos hidroxeles’, de Juan J. Torres Labandeira, e ‘Musgos: os detectives do aire’, de Jesús Aboal Viñas. Chega a segunda quenda Os estudantes que intervirán na segunda quenda destes campus, todos de 1º de Bacharelato, chegan a Santiago esta fin de semana. Está previsto un acto de acollida e presentación o luns, 18 de xullo, ás 10:30 horas no Salón de Actos da Residencia Colexio Maior Fonseca. Outras actividades Ademais de participar nestes proxectos teñen ocasión de escoitar a profesores da USC en varias charlas. Así, participan Ángel Carracedo cunha conferencia titulada ‘Para que sirve coñecer o noso xenoma’, o profesor Enrique Macías Virgós con ‘Que as MATES te acompañen’, Jorge Mira con ‘Que distancia nos separa do firmamento’, e Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico da USC, que lle mostrará aos estudantes o firmamento coa axuda do telescopio. A iniciativa desenvólvese paralelamente en vinte centros adscritos aos Campus de Excelencia Internacional.