Skip to main content

O Servizo de Publicacións da USC relanza internacionalmente o revolucionario estudo do neurocientífico Justo Gonzalo

O Servizo de Publicacións da USC relanza internacionalmente o revolucionario estudo do neurocientífico Justo Gonzalo
O Servizo de Publicacións da USC relanza internacionalmente o revolucionario estudo do neurocientífico Justo Gonzalo
A edición facsímil de Dinámica cerebral inaugura a «Serie Profesor José Mira Mira en Neurociencia y Computación»

No marco dun convenio de colaboración entre a Red Temática Nacional en Tecnologías de Computación Artificial/Natural (RTNAC) e a USC, o Servizo de Publicacións vén de editar a reprodución facsimilar de Dinámica cerebral. La actividad cerebral en función de las condiciones dinámicas de la excitabilidad nerviosa, da autoría do neurocientífico Justo Gonzalo Rodríguez-Leal (1910-1986), nunha edición ao coidado da filla do investigador -profesora do Departamento de Óptica da Universidade Complutense de Madrid-, Isabel Gonzalo Fonrodona. A obra, de máis de 900 páxinas nun volume en tapa dura, incorpora o facsímile das tres entregas da investigación de Gonzalo, orixinalmente editadas polo Instituto Ramón y Cajal do CSIC en 1945, 1950 e 1952, e que hoxe, á vista das máis recentes investigacións no eido das relacións entre computación natural e artificial, cobra inusitada vixencia, actualidade e interese. Sobre a base das súas observacións sobre feridos na guerra civil española, Gonzalo postulou unha teoría inédita no seu tempo que falaba de integración sensorial sobre a base de gradientes e facilitación ou sumación multisensorial. A súa obra é pioneira dos máis modernos estudos realizados en Harvard Medical School, en Boston, e noutros laboratorios mundiais que abordan a funcionalidade cortical. O que no seu tempo se evidenciou sobre a base dos feridos de guerra está hoxe sendo contrastado coas modernas técnicas de imaxe funcional. A reedición da súa obra por parte da Red de Tecnologías de Computación Natural/Artificial e o Servizo de Publicacións da USC relanza internacionalmente un extraordinario estudo, revolucionario no seu momento e tamén na actualidade, cunha visión rigorosa e fiel ás observacións do momento. Neste sentido, a «Serie José Mira Mira en Neurociencia y Computación» -que esta edición inaugura e que leva o nome de quen foi profesor da USC na década dos oitenta- busca recompilar os mellores textos daqueles científicos de excelencia, pioneiros en aunar as liñas de investigación en computación natural e artificial.

The contents of this page were updated on 07.13.2011.