Skip to main content

Investigadores do CIQUS da Universidade de Santiago deseñan un sensor específico para detectar proteínas implicadas en procesos canceríxenos

Investigadores do CIQUS da Universidade de Santiago deseñan un sensor específico para detectar proteínas implicadas en procesos canceríxenos
Investigadores do CIQUS da Universidade de Santiago deseñan un sensor específico para detectar proteínas implicadas en procesos canceríxenos
O descubrimento podería poñer as bases para desenvolver novas técnicas de detección de certos tumores

O grupo de investigación da USC dirixido polos profesores José Luis Mascareñas e Eugenio Vázquez, que desenvolven o seu traballo no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) do Campus Vida, deseñaron unha estratexia molecular que permite detectar de forma selectiva un determinado tipo de proteínas relacionadas co cancro. O traballo publícase na nova revista de referencia da química mundial, Chemical Science, editada pola Royal Society of Chemistry (UK). En concreto desenvolveron un sistema molecular capaz de emitir un sinal luminoso (fluorescente) só cando detecta a oncoproteína c-JUN. Esta proteína, que actúa como regulador de diversos procesos celulares, está sobre-expresada en determinados cancros polo que dalgunha maneira podería empregarse como indicador ou marcador desas enfermidades. O descubrimento –aínda en fase inicial de laboratorio, necesita optimizarse para poder ter utilidade clínica- podería poñer as bases para o desenvolvemento de novas técnicas de detección de certos tumores, para previr o seu avance e para mellorar o diagnóstico e o tratamento. Incluso, destacan os autores, a táctica de detección podería estenderse para desenvolver sensores doutro tipo de proteínas que poidan servir como biomarcadores de enfermidades. O estudo forma parte da tese doutoral de Elena Pazos Chantrero, quen previamente en colaboración con investigadores do Departamento de Fisioloxía da USC xa desenvolvera moléculas para detectar ciclina A, outra importante proteína relacionada coa regulación do ciclo celular e que se atopa alterada en algúns tipos de cancro.

A investigación do grupo enmárcase nunha área multidisciplinar a cabalo entre a química, a bioloxía e a medicina na que a USC, a través de Campus Vida, retende ser referente internacional. As investigacións neste campo diríxense a entender as bases moleculares dos procesos biolóxicos e coñecer as raíces íntimas das diferentes enfermidades para deseñar métodos e estratexias eficientes e selectivas.

The contents of this page were updated on 07.18.2011.