Skip to main content

Sobresaliente `cum laude´ para as “Propiedades termomagnéticas na nanoescala”.

David Serantes e Daniel Baldomir, despois do acto de defensa da tese
David Serantes e Daniel Baldomir, despois do acto de defensa da tese
Tese de doutoramento defendida por David Serantes na Facultade de Física da USC

Unha tese de doutoramento sobre “ Propiedades termomagnéticas na nanoescala”, con importantes aplicacións para o tratamento do cancro, defendida polo seu autor, David Serantes Abalo e dirixida polo profesor Daniel Baldomir, foi cualificada cun sobresaliente cum laude por un tribunal presidido por José Rivas, catedrático da USC e director do Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía (INL) de Braga, e integrado por Blanca Hernando, catedrática de Física Aplicada e directora do Grupo de Materiais Magnéticos Amorfos e Nanocristalinos da Universidade de Oviedo, como secretaria, e os catedráticos Julián María González Estévez, director do Grupo de Magnetismo da Universidade do País Vasco; Michael Farle, vicerreitor de Investigación e director do grupo “AG Farle” na Universität Duisburg-Essen (Alemaña), e Marc Respaud, do Grupo de Nanomagnetismo no Laboratoire de Physique et Chimie de Nano-objets, en Tolouse-Cedez (Francia).

Esta tese trata sobre as propiedades térmicas e magnéticas de imáns diminutos, do tamaño duns pouco nanometros (nanometro = milmillonésima parte dun metro). Estes pequenos “nanoimáns” teñen propiedades moi especiais en comparación coas dos seus primos maiores, os imáns “grandes” que coñecemos todos, o que dá lugar a extraordinarias aplicacións nanotecnolóxicas nos campos da computación e da biomedicina. Estes nanoimáns constitúen a base dos discos duros dos ordenadores. Son tamén fundamentais para aplicacións biomédicas como a hipertermia (tratamento de cancros actuando selectivamente sobre as células malignas) ou a resonancia magnética, permitindo aumentos enormes de resolución.

Estas propiedades especiais dos nanoimáns son orixinadas polo seu pequeno tamaño dado que algunhas propiedades do sistema físico, apenas apreciables en imáns grandes, pasan a ser fundamentais cando reducímo-lo seu tamaño á orde duns poucos nanometros. Unha mínima variación das características dos nanoimáns, tamaño, ou condicións físicas (tempo, concentración, campo aplicado, etc) fan cambiar radicalmente as súas propiedades, o que lles permite constituír uns sistemas físicos moi ricos e cunha enorme variedade de campos de aplicación no eido da nanotecnoloxía.

Tanta variedade de posibilidades fai necesario un profundo coñecementos das súas propiedades para o deseño de novas aplicacións. Nesta tese, David Serantes desenvolve unha exhaustiva e sistemática caracterización de sistemas nanomagnéticos en diferentes formas (nanopartículas magnéticas illadas, cadeas de partículas e cintas magnéticas).

Estúdanse tamén na investigación as propiedades magnetocalóricas destes nanoimáns, para poder usalos para arrefriar (refrixeración magnética) ou para quentar, base do tratamento do cancro mediante a hipertermia, que ten importantes vantaxes fronte ás técnicas habituais de tratamento desta enfermidade. É moito máis selectiva coas células canceríxenas e moito menos agresiva para o paciente. Pola súa parte a refrixeración magnética conta tamén co vantaxes sobre as técnicas de refrixeración convencionais, entre elas a de ser respectuosa co medio ambiente e moito máis eficiente enerxeticamente.

The contents of this page were updated on 07.02.2011.