Skip to main content

O público interesado poderá dialogar con expertos sobre as particularidades da migraña, o seu tratamento e os últimos avances en investigación

Unha xornada este sábado 24 permitirá aos asistentes dialogar cos expertos presentes arredor das características desta doenza que afecta con maior frecuencia a mulleres

Todo o que vostede quería saber sobre a migraña e nunca se atreveu a preguntar poderá ter resposta nunha xornada informativa que se vai celebrar este sábado 24 a partir das 10.00 horas na sede da Fundación Novacaixagalicia (r/ do Vilar, 19) coa asistencia de expertos e investigadores desta doenza moi común e que consiste en episodios repetidos de dor de cabeza con outros síntomas asociados, como náuseas, mareos, intolerancia de luz e sons, entre outros. Aberta a todo o público interesado, esta xornada é unha iniciativa da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (FPGMX), xunto coa USC, o Sergas, e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e que se desenvolverá dentro das actividades do proxecto ‘A xaqueca: investigación, educación e prevención da cronificación’, que financian a Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo coa colaboración da Fundación Novacaixagalicia. O obxectivo desta sesión informativa é que o público interesado e que asista poidan consultar aos expertos presentes as dúbidas que poidan ter respecto das características principais da doenza, a súa diagnose, tratamento ou prevención, así como sobre os factores que poden influír no seu agravamento. Así, logo do acto inaugural no que está prevista a participación da secretaria xeral de Igualdade, Marta González, e a directora de la Fundación IDICHUS, Sonia Martínez Arca, intervirán como relatores o neurólogo do Hospital Comarcal do Salnés, Manuel Seijo; a médica de familia do PAC Casa do Mar da Coruña, Ana Sampayo; a neuróloga e investigadora da FPGMX, Mª Jesús Sobrido; e o catedrático de Terapia Cognitivo-Condutual da UNED, Miguel Ángel Vallejo Pareja, moderados pola psicóloga e investigadora da Fundación, Montserrat Fernández. A xaqueca padécena tres mulleres por cada home (aproximadamente 20% das mulleres), afectando á súa calidade de vida en ocasións de forma moi importante, causando baixas laborais e alteración da súa vida social e familiar. Ademais, en ocasións asociase a outras patoloxías (insomnio, ansiedade, depresión, fibromialxia) que empeoran aínda máis a situación dos pacientes. Estes factores condicionan a cotío a automedicación e contribúen á cronificación da dor. Este tipo de patoloxías, agravadas por factores psicolóxicos e físicos, están a aumentar en época de crise influídas polas tensións familiares e laborais. Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica

Na FPGMX, organismo público dependente da Consellería de Sanidade, trabállase no diagnóstico e investigación de enfermidades xenéticas. Unha das enfermidades na que se esta a investigar e a xaqueca ou hemicrania.

The contents of this page were updated on 09.23.2011.