Skip to main content

Os universitarios que consumen cannabis, tabaco e alcol abusan máis dos fármacos

O estudo da USC publícase no Journal of Public Health

Unha investigación da Universidade de Santiago de Compostela sobre hábitos de consumo de drogas en universitarios afirma que o abuso de medicamentos sen prescrición médica entre os consumidores de cannabis, tabaco ou alcol pode considerarse “unha forma máis de poli-consumo de drogas”, como explica Francisco Caamaño, autor principal, nunha información publicada por SINC. O estudo parte dunha mostra de 1.400 estudantes de primeiro de carreira que contestaron voluntariamente a un cuestionario que se repetiu aos dous anos. A consulta consistía nun test para a identificación de trastornos por uso de alcol e un cuestionario adicional no que se incluían variables socioeconómicas. “Para a medida do consumo de fármacos utilizamos as preguntas da Enquisa Nacional de Saúde sobre medicamentos prescritos e non prescritos”, explica Caamaño. Os investigadores atoparon un consumo “moi elevado” de todos os grupos de medicamentos, especialmente naqueles indicados para a febre, a dor, estimulantes, vitaminas e minerais, ansiolíticos e sedantes. “Son consumos altos, pero na liña da Enquisa Nacional de Saúde para ese rango de idade”, apunta o experto. Atoparon tamén unha importante asociación entre o abuso de fármacos e o de cannabis, tabaco e alcol, sobre todo ao analizar os fármacos non prescritos. “Os alumnos que consumen estas tres drogas son tamén os que máis fármacos non prescritos toman. Aos dous anos de seguimento esta asociación mantense para os que consumen cannabis.

O estudo atopou que a prevalencia de consumo de risco de alcol ao inicio do estudo se situou no 37%, do 30% para o tabaco e do 20% para o cannabis. Aos dous anos a prevalencia incrementouse pasando ao 53,4%, mentres que descenden lixeiramente a de consumo de tabaco (29%) e de cannabis (17%).

The contents of this page were updated on 09.23.2011.