Skip to main content

Unha tese propón reactores biolóxicos de membrana para tratar augas residuais con restos de antibióticos e substancias cosméticas

Unha tese propón reactores biolóxicos de membrana para tratar augas residuais con restos de antibióticos e substancias cosméticas
Unha tese propón reactores biolóxicos de membrana para tratar augas residuais con restos de antibióticos e substancias cosméticas

Rubén Reif López, doutorando do Departamento de Enxeñaría Química, acaba de recibir a cualificación de sobresaliente Cum Laude por unha tese de doutoramento que propón medidas que contribuirán a mellorar o deseño das depuradoras do futuro, a partir do estudo da problemática ambiental derivada da presenza de microcontaminantes en augas residuais. Este traballo de investigación, titulado titulada ‘ Feasibility of membrane bioreactors for the removal of pharmaceutical and personal care products from sewage’, desenvolveuse no Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC baixo a dirección dos profesores Juan Lema Rodicio e Francisco Omil Prieto. Os microcontaminantes son substancias que están presentes en concentracións moi baixas, “polo que resultan difíciles de detectar”, apunta o doutor Reif, quen prestou especial atención aos produtos farmacéuticos e ingredientes cosméticos. Son compostos de elevado consumo na sociedade actual presentes nas augas residuais, xa que como apuntou o investigador, no caso concreto das substancias de orixe farmacéutica, unha fracción non se metaboliza tras a súa inxesta. O investigador centrou o seu interese neste eido xa que a emisión destas substancias se leva producindo “dende hai tempo, pero nunca foran tidas en conta no deseño de sistemas de depuración”. Isto explica que os sistemas de tratamento de augas son “ineficientes para alcanzar unha completa eliminación destes microcontaminantes, que acaban por estar presentes no ambiente acuático de xeito persistente”. A diferenza dos contaminantes convencionais, os estudados por Reif López “non son perigosos pola súa concentración no ambiente, senón pola súa bioactividade, ao ser deseñados para exercer unha función nos seres vivos, especialmente no caso dos fármacos”. En calquera caso, engade o investigador, os posibles efectos para o medio ambiente e a saúde humana son aínda descoñecidos e difíciles de cuantificar a medio prazo. Non obstante, o investigador apunta como un posible exemplo da repercusión dos antibióticos no medio ambiente a aparición e proliferación de cepas de organismos resistentes. Un efecto inmediato podería ser, segundo Reif López, a perda de eficacia dos antibióticos para o tratamento de infeccións comúns. Para eliminar estas substancias ou contribuír a reducir a súa concentración Rubén Reif propón unha tecnoloxía avanzada como son os reactores biolóxicos de membrana, capaces de xerar auga tratada con calidade apta incluso para a súa reutilización. Grupo de Enxeñaría Ambiental O Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos leva años traballando na detección, estudo e eliminación de substancias en distintas depuradoras, no marco de proxectos de investigación nacionais e autonómicos con colaboracións coas empresas máis importantes do sector, como Aquagest.

A defensa da tese celebrouse no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago, ante un tribunal que integraban os profesores Simon J. Judd, da Universidad de Cranfield; Franco Cecchi, da Universidade de Verona; Damiá Barceló, director do Instituto Catalá de Investigación da Auga (ICRA); Eloy García Calvo, director do Instituto IMDEA Agua da Comunidade de Madrid; e Sonia Suarez, doutora da USC.

The contents of this page were updated on 09.26.2011.