Skip to main content

Constitúese este venres en Santiago a Rede Española Matemática-Industria

O acto terá lugar este venres, 30 de setembro, ás 12.00 horas no Edificio Feuga

Incrementar a utilización dos métodos e técnicas matemáticas no sector produtivo a través da colaboración universidade-empresa. Ese é o principal obxectivo da Rede Española Matemática-Industria (math-in .net) que este venres 30 se constitúe en Santiago coa participación de trinta grupos de investigación de toda España –cinco deles da USC- vinculados á transferencia de tecnoloxía matemática á industria. O acto formal de constitución da Rede terá lugar ás 12.00 horas no auditorio do Edificio Fundación Empresa-Universidade Galega (r/ Lope Gómez de Marzoa, s/n. Santiago), cunha duración prevista de 1 hora e 20 minutos, e a el asisten os reitores das Universidades de Santiago e A Coruña, Juan Casares e José María Barja, respectivamente; o director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, Ricardo Capilla; o subdirector xeral de Fomento da Innovación Empresarial do Ministerio de Ciencia e Innovación, Luis Cueto; e a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Asunción Longo. Intervirán ademais a presidenta da Rede, a catedrática de Matemática Aplicada da USC Peregrina Quintela, que explicará en que consiste e cales son os seus principais obxectivos e expectativas, e o conselleiro delegado de FerroSolar, Ramón Ordás, que se centrará nas vantaxes desa colaboración para a industria. Asisten ademais a este acto os presidentes da Real Sociedade Matemática Española e da Sociedade de Estatística e Investigación Operativa, membros da Sociedade Española de Matemática Aplicada, investigadores, representantes das universidades integrantes da Rede e dos gobernos das Comunidades Autónomas ás que pertencen, así como responsables das empresas e centros tecnolóxicos colaboradores.

A rede compóñena inicialmente un total de trinta grupos de investigación pertencentes a dezanove universidades españolas. De Santiago forman parte cinco grupos: de Ecuacións diferenciais non lineais; de Enxeñaría matemática; de Modelización estatística e aplicacións; de Modelos matemáticos e simulación numérica en mecánica de sólidos; e o grupo interdisciplinar de estatística, computación, medicina e bioloxía.

The contents of this page were updated on 09.29.2011.