Skip to main content

O Ibader e a Estación Científica do Courel acollerán o curso de verán ‘2011 Ano Internacional dos Bosques: unha aproximación dende Galicia’

O Ibader e a Estación Científica do Courel son os espazos nos que se vai desenvolver entres os días 19 e 22 do vindeiro mes o programa do curso ‘2011 Ano Internacional dos Bosques: unha aproximación dende Galicia’. Nas dúas primeiras xornadas, no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural expertos das universidade de Santiago e Vigo e da Xunta de Galicia referiranse ás orixes dos bosques no noroeste ibérico, tipoloxías de bosques galegos, o seu papel no ciclo do carbono, estado sanitario e influencia na fauna de vertebrados. Pola súa banda, a xornada a celebrar na Estación Científica do Courel inclúe unha viaxe de prácticas dende Lugo ata Seoane pasando por Becerreá e O Cebreiro, que se completará con tres intervencións nas que se contempla aos bosques como depósitos de diversidade vexetal galega, ao tempo que se falará sobre etnobotánica e do estado actual e perspectivas para os soutos na montaña oriental galega. Para rematar o curso, os expertos referiranse a cuestións de propiedade, usos e aproveitamento dos bosques, árbores e arboreiras senlleiras e carballos emblemáticos de Galicia, con especial atención aos de Mourente e O Pelete. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á páxina web do curso en http://www.usc.es/cultura/uveran21_11.htm.

The contents of this page were updated on 07.01.2011.