Skip to main content

O libro A Prehistoria de Lugo á luz das descobertas recentes destaca a importancia da provincia luguesa para o coñecemento desta época histórica

A provincia de Lugo converteuse nos último anos nunha referencia indispensable para o coñecemento da prehistoria peninsular grazas ás últimas investigacións do equipo da USC que dirixe o profesor Ramón Fábregas en colaboración con outros centros de excelencia como o Centro Nacional de Investigación de Evolución Humana (CNIEH) ou o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES). Esta afirmación foi un dos argumentos esgrimidos na presentación do libro A Prehistoria de Lugo á luz das descobertas recentes, volume que recolle as Actas do congreso homónimo celebrado en Lugo en abril de 2009. Neste senso o curso serviu de ponte entre arqueólogos e investigadores e a sociedade. Como se puxo de manifesto, a publicación destas actas, editadas pola vicepresidencia primeira da Deputación luguesa, supuxo a culminación deste procesos de comunicación, ao dar lugar a “unha obra indispensable para todos os que pretenden achegarse ao tema da prehistoria peninsular”. Na presentación ante os medios de comunicación, participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación, Pedro García Herradón; os editores científicos do volume, os profesores de Historia Antiga Mª Dolores Dopico e Manuel Villanueva; e o catedrático de Prehistoria, Ramón Fábregas Valcarcel. Este último destacou as achegas á obra realizadas polos relatores do curso M. Rodríguez Morales, Xosé Pedro Rodríguez, Arturo de Lombera, Antón Rodríguez Casal ou Felipe Arias Vilas, así como a contribución ás actas do director do CNIEH e co-director das escavacións de Atapuerca, J. M. Bermúdez de Castro, e de María Martinón, investigadora do mesmo centro. Pola tarde, no Salón de Actos da mesma Vicerreitoría a partir das 20.00 horas, o libro preséntase ao público interesado no transcurso dunha conferencia do catedrático de Prehistoria e investigador do Instituto Internacional de Investigacións Prehistóricas de Cantabria Manuel R. González Morales. Co título ‘Vida e morte nas covas do paleolítico cántabro’, o investigador mostrará as tendencias actuais de investigación nos xacementos en cova do paleolítico superior na zona cantábrica, baseándose no exemplo do proxecto da Cova do Mirón en Ramales da Vitoria (Cantabria). Morales leva 15 anos traballando no depósito do xacemento, que abarca ocupacións dende os tempos dos neandertais ata a Idade do Bronce. Especialmente importantes son os datos obtidos sobre o período Magdaleniense, especialmente ben representado, con espectaculares áreas de habitación, moi abundantes restos de todo tipo e co engadido da arte rupestre asociada a esas ocupacións. Neste conferencia tamén se aborda o achado o pasado ano dun enterramento humano provisionalmente datado tamén no Magdaleniense, con uso ritual do ocre e tamén posible asociación á arte parietal, que se espera proporcione abundante información sobre aspectos tan diversos como o ADN, a alimentación ou enfermidades da época. O profesor Morales considera esencial o mantemento de programas a longo prazo e ben apoiados, con equipos amplos, como única forma de obter resultados relevantes, sobre todo en áreas onde este tipo de investigación sobre o Paleolítico non está aínda desenvolvida.

The contents of this page were updated on 07.08.2011.