Skip to main content

A EPS acolleu profesorado de FP das especialidades de madeira e moble e de edificación e obra civil

A EPS acolleu profesorado de FP das especialidades de madeira e moble e de edificación e obra civil
A EPS acolleu profesorado de FP das especialidades de madeira e moble e de edificación e obra civil

A Escola Politécnica Superior de Lugo acolleu nas súas instalacións estes días profesorado de Formación Profesional das especialidades de Madeira e moble e Edificación e obra civil de centros dependentes da Consellaría de Educación. Estes docentes participaron nun curso organizado polo Centro de Formación e Recursos de Lugo en colaboración coa Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE) da USC. Formar no deseño de estruturas de madeira mediante a aplicación informática Cadwork e no cálculo de estruturas de madeira seguindo as directrices CTE foi o obxectivo do seminario, que xurde da aprobación do Código Técnico de Edificación que obriga a contar con técnicos con formación especializada nesta materia. Segundo os organizadores, a evolución da construción pasa pola incorporación de materiais ecolóxicos e eficientes dende o punto de vista enerxético e medio ambiental. A madeira que é sumidoiro de CO2 é un material axeitado en tanto que a súa orixe corresponde á súa vez con explotacións xestionadas axeitadamente e con responsabilidade. A isto súmase o valor estético fronte a outros materiais e a súa capacidade para solucionar con grandes estruturas multitude de deseños. “Existe tamén –engaden- o marco regulador necesario para que co seu estrito cumprimento a madeira garanta as necesidades de seguridade estrutural que todo edificio debe satisfacer incluída a situación de lume”. As sesións do curso impartíronas o catedrático de Cálculo de Estruturas da EPS, Manuel Guaita, e o enxeñeiro de montes e técnico instrutor da empresa Cadwork Ibérica Xurxo Ojea.

The contents of this page were updated on 07.11.2011.