Skip to main content

A USC recibiu por segunda vez a renovación da certificación de calidade para a súa área académica

O reitor da USC e o director de AENOR Galicia, Martín Pita López, co certificado de calidade
O reitor da USC e o director de AENOR Galicia, Martín Pita López, co certificado de calidade
A de Santiago é a Universidade española co sistema certificado de calidade máis amplo de toda España

O reitor da USC recibiu este martes de mans do director de AENOR Galicia, Martín Pita López, o certificado de renovación da certificación correspondente ao Sistema de Xestión da Calidade segundo a norma UNE-EN ISO 9001:2000 da Área Académica. A de Santiago é a Universidade española con máis recoñecementos de calidade certificada, como puxo Pita de manifesto. A USC acadara este certificado en 2005 para os seus servizos de xestión da oferta e programación académica, xestión académica e a oficina de análise de reclamacións. Logo dunha renovación en 2008, agora recibe outra prórroga de tres anos unha vez realizadas as obrigadas dúas auditorías anuais, unha de carácter interno e outra de carácter externo. Para o reitor é o resultado “do esforzo de todo o persoal que traballa nos servizos acreditados e unha boa mostra da eficiencia da nosa Universidade”. Tamén a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, se sumou ás felicitacións “efusivas” a todos os profesionais implicados no proceso. “Non é máis que a garantía do traballo ben feito”, dixo. O acto desenvolveuse no Colexio de San Xerome coa presenza de membros do comité de dirección da ISO do Sistema de Xestión de Calidade da Área Académica, órgano responsable da análise anual do funcionamento do sistema, e do comité de calidade encargado da súa implantación. No servizo de xestión da oferta e programación académica as actividades obxecto da certificación son as da oferta da libre elección, a determinación do límite de prazas e a planificación académica anual (elaboración e aprobación da PDA, elaboración e aprobación do POD e confección da oferta académica) para titulacións oficiais e propias de 1º e 2º ciclo e graos. Pola súa banda, para o servizo de xestión académica aválase a calidade da xestión administrativa dos procesos de admisión e matrícula, recepción de actas, títulos, validacións, actos académicos e certificacións para titulacións oficiais e propias de 1º e 2º ciclo e graos. Esta renovación reflicte o compromiso que a USC mantén coa mellora continua dos servizos prestados e o esforzo realizado para satisfacer as necesidades dos seus usuarios, sendo o obxectivo final que a USC consolide a súa posición privilexiada no contorno universitario europeo como unha universidade de prestixio e referencia que incorpora a preocupación pola mellora da calidade a todas as súas actividades. Normas ISO As normas ISO, ferramentas de mellora internacionalmente admitidas, son un conxunto de regras de carácter social e organizativo para mellorar e potenciar as relacións entre os membros dunha organización. A súa aplicación redunda na mellora das capacidades e rendemento tendo como resultado último conseguir un aumento da calidade final do servizo para así acadar unha maior satisfacción dos seus usuarios. Aenor é, ademais do representante español das organizacións internacionais ISO, unha entidade dedicada ao desenvolvemento da normalización e da certificación en todos os sectores industriais e de servizos. Ten como propósito contribuír á mellora da calidade e a competitividade das organización. O director de Aenor Galicia co reitor, a vicerreitora de Calidade e os responsables dos servizos acreditados

The contents of this page were updated on 09.20.2011.