Skip to main content

Analizan nun curso de verán en Arzúa o sindicalismo agrario en España entre 1936 e 1986

Entre os días 8 e 10 de setembro, HISTAGRA. Grupo de Referencia Competitiva de Historia Agraria e Política do Mundo Rural do Departamento de Hª Contemporánea e de América da USC organiza en Arzúa o curso de verán da USC ‘Cincuenta anos de sindicalismo agrario en España: da ditadura á democracia (1936 -1986)’. A inauguración oficial do curso terá lugar este xoves 8 ás 9.30 horas no Recinto Feiral Terra do Queixo, coa participación do alcalde de Arzúa, José Luis García López; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Contínua da USC, Francisco Durán Villa; o director do curso, Daniel Lanero; e Víctor Santidrián, da Fundación 10 de Marzo de CCOO. Tomando como fío condutor a análise de medio século de asociacionismo agrario en Galicia e no conxunto de España, o seminario pretende facer un balance historiográfico crítico e actualizado sobre a situación política e socioeconómica do mundo rural durante a ditadura franquista, a transición e os primeiros anos da democracia (ata o ingreso de España na CEE). A primeira xornada dedicarase á análise do sindicalismo vertical franquista no mundo rural como instrumento para a desmobilización política e o encadramento da sociedade rural, atendendo tamén a aspectos como a represión da preexistente sociedade civil rural, o cooperativismo franquista ou os vencellos entre entidades sindicais, propietarios, poderes locais e empresariado agrícola. As charlas do día 9 centraranse nas organizacións do sindicalismo agrario democrático durante o tardofranquismo e a transición, é dicir, entre a clandestinidade e a legalización dos sindicatos, e no papel desempeñado por estes no agro como medio para a socialización política dos labregos e a reivindicación da democracia. Ese mesmo día unha mesa redonda daralle voz á memoria daqueles axentes da sociedade civil rural que protagonizaron a fase final do franquismo e a transición, analizando as grandes mudanzas estruturais que experimentou o mundo rural en Galicia e España dende 1960 en adiante coincidindo coa chamada crise da agricultura tradicional, a imposición do paradigma produtivo da Revolución Verde e a incorporación de España á CEE e á Política Agraria Común (PAC). Unha saída de campo, na mañá do día 10, percorrendo diferentes paisaxes rurais do Concello de Arzúa e visitando unha explotación gandeira, servirá para apreciar in situ as “herdanzas”, as problemáticas e as expectativas de futuro deixadas pola industrialización da agricultura en esta bisbarra do interior de Galicia.

The contents of this page were updated on 09.07.2011.