Skip to main content

Acto inaugural da terceira edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural

O máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural bota a andar este venres 9 a súa terceira edición cun acto inaugural programado para as 18.15 horas no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo. Presidido polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, nel intervirán tamén o director da EPS, Javier Bueno; o catedrático e director do máster, Manuel Guaita; a agregada comercial da embaixada de Austria en España, Hedwing Brandl; o presidente da delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en Lugo, Raúl Veiga; e unha representaicón da Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación e da secretaría de Estado de Vivenda e Actuacións Urbanas. Con anterioridade, ás 16.00 horas, o catedrático Antonio Rigueiro pronunciará a conferencia inaugural titulada ‘Bosques e produción de madeira en Galicia’. Para rematar, a partir das 19:00 horas, o arquitecto Enrique Nuere pechará a xornada falando sobre ‘Onte e hoxe da madeira’. Organiza este posgrao a Plataforma e Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC (PEMADE) en colaboración con proHolz. O máster está dirixido a profesionais do sector a quen pretende formar como titulados especialistas nos aspectos do cálculo e deseño de estruturas de madera para edificación tanto arquitectónica como rural e para proxectos de obra civil. O programa se distribúe en materias que pasan polo coñecemento da madeira como material de construción, o cálculo estrutural segundo o código técnico da edificación, o deseño de estruturas e o CAD aplicado á madeira, realización práctica con software de cálculo de proxectos de edificación e de pontes de madeira.

Na edición deste ano están matriculados 34 alumnos procedentes de Galicia, Navarra, Castela-León, Asturias ou Andalucia, para os que se ten deseñado unha programación na que se sucederán as clases teóricas, de software de cálculo, as visitas a centros tecnolóxicos e empresas do sector e a obras.

The contents of this page were updated on 09.08.2011.