O catedrático da USC Ángel Carracedo recibiu a Medalla Adelaida, o galardón máis importante do mundo no ámbito da Medicina Forense

O catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, acaba de engadir ao seu currículo o galardón máis importante das Ciencias Forenses no ámbito mundial, a Medalla Adelaida, en recoñecemento a súa “contribución esencial aos avances tecnolóxicos no campo da xenética forense nos últimos 20 anos’. A entrega do galardón desenvolveuse no transcurso da inauguración do Congreso Mundial da Asociación Internacional de Ciencias Forenses que estes días se celebra en Funchal (Madeira) coa participación de aproximadamente 2.000 científicos forenses de 109 nacionalidades. Como merecedor da Medalla, o docente da Universidade de Santiago impartiu o discurso inaugural do congreso. Esta é a primeira vez que a Medalla recae nun científico dun país non anglosaxón, xa que nas sete anteriores edicións o premio foi parar a investigadores do Reino Unido (4), Canadá (1), Australia (1) e Estados Unidos (1). Precedendo a Carracedo, os últimos gañadores foron o doutor William Bass e Sir Alec Jeffreys, descubridor da pegada xenética de ADN. O galardón outórgase cada tres anos a proposta das sociedades Australiana, Neozelandesa e Americana de Ciencias Forenses, da Sociedade de Ciencias Forenses do Reino Unido e o comité executivo da Sociedade Internacional de Xenética Forense (http://www.anzfss.org.au/awards.htm#The%20Adelaide%20Medal ) Ángel Carracedo Considerado un dos investigadores mundiais máis relevantes no ámbito da xenética, Ángel Carracedo é director executivo da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, director do Nodo Santiago do Centro Nacional de Xenotipado e director do Instituto de Ciencias Forenses da USC. O seu traballo é pioneiro na xenética aplicada a enfermidades como o cancro, na farmacoxenética e na medicina forense, tendo un impacto clave na introdución de novas tecnoloxías para a identificación forense, así como nos campos da xenética de poboacións, a xenética forense e a medicina.
Ademais da edición de 10 libros e máis de 350 artigos nas revistas científicas de maior impacto, como Science, Nature e Nature Genetics, recentemente recibiu os Premios Galien e o Jaime I de Investigación Médica, que se suman a unha longa lista de galardóns nacionais e internacionais.