Skip to main content

Especialistas recrean a vida na montaña luguesa na Idade do Xeo

De esquerda a dereita, Arturo de Lombera, Olga Iglesias e Ramón Fábregas na presentación no Concello de Triacastela
De esquerda a dereita, Arturo de Lombera, Olga Iglesias e Ramón Fábregas na presentación no Concello de Triacastela

Os datos relacionados coa xeoloxía e a evolución do poboamento paleolítico da Depresión de Monforte de Lemos, así como os importantes achados do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste da USC (GEPN) nas cavidades de Cova Eirós (Triacastela) e Valdavara (Becerreá) son o punto de partida para analizar a vida na montaña luguesa na Idade do Xeo, tema do libro To the West of the Spanish Cantabria. The Palaeolithic settlement of Galicia. O volume presentouse este xoves 29 no Concello de Triascastela coa presenza dos seus coordinadores, o catedrático Ramón Fábregas e o investigador Arturo de Lombera, e da alcaldesa de Triacastela Olga Iglesias. A obra recolle as contribucións realizadas polos investigadores que participaron no curso de verán ‘A vida na montaña luguesa na Idade do Xeo’, en total unha ducia de traballos de marcado carácter interdisciplinar que achega unha visión completa do Cuaternario. Publicado nunha destacada editorial inglesa especializada en publicacións internacionais de carácter arqueolóxico, o libro aspira a difundir a unha maior audiencia dentro da comunidade científica os achados realizados nas comarcas orientais de Galicia. Trátase dunha proposta editorial que cubre un importante baleiro na investigación galega xa que practicamente se carecía de obras de referencia sobre esta rexión, clave á hora de comprender a evolución paleoambiental do noroeste peninsular e sobre todo da súa relación co poboamento paleolítico da Cornixa Cantábrica. Partindo dos achados rexistrados nos xacementos das serras Orientais e Depresións terciarias do interior lucense de cara ao estudo da etapa cuaternaria desta rexión, o libro articúlase en dous grandes bloques: o primeiro é unha recompilación dos traballos realizados na zona dende un punto de vista historiográfico, zooarqueolóxico, paleontolóxico, paleoambiental e xeolóxico, compoñendo un marco de referencia sobre os coñecementos acadados durante as últimas dúas décadas. Unha vez presentada a evolución paleoambiental da rexión, o segundo bloque está centrado na contribución dos descubrimentos realizados no marco do proxecto de investigación dirixido dende o GEPN e o IPHES da Universitat Rovira i Virgili.

The contents of this page were updated on 12.29.2011.