Skip to main content

O Consello de Goberno aprobou a normativa sobre o Repositorio Institucional da USC

O Consello de Goberno na súa última xuntanza de 2011 aprobou a normativa sobre o Repositorio Institucional da USC que no seu primeiro artigo avoga por que a política de publicación científica da institución sexa en acceso aberto. Para iso, achegará os medios humanos e materiais necesarios, á vez que facilitará que a acreditación dos méritos investigadores se realice por este sistema. Minerva, como así se denomina o repositorio, albergará material científico e de difusión e institucional producido ou financiado pola USC, do seu PDI ou de persoal que desenvolva actividades de forma temporal ou de persoal emérito ou xubilado. Ademais, o material estará en formato dixital e non deberá ser efémero. Segundo a normativa aprobada, a estrutura básica inicial de Minerva disporá de cinco comunidades: Biblioteca Universitaria da USC, I+D+i, Docencia e innovación educativa, Arquivo Histórico Universitario da USC, e Institucional. Aos arquivos difundidos en Minerva, nos que os dereitos de explotación correspondan á USC, aplicaráselles ordinariamente a licenza Creative Commons do tipo de ‘Recoñecemento-Non comercial-Compartir igual’, agás os casos que se determinen pola Comisión do Repositorio. A USC potenciará a visibilidade de Minerva incorporando os arquivos aos buscadores académicos e recolectores e fomentará acordos para a interconexión con outros de ámbito nacional e internacional. Para estes efectos, poderán incorporarse descritores en varios idiomas. O repositorio responde ás directrices marcadas pola Lei 14/2011 da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación.

The contents of this page were updated on 12.22.2011.