A área de historia da música da USC organiza en Pontevedra un seminario sobre documentación en Galicia
A área de música do departamento de Historia da Arte da USC organiza en Pontevedra o seminario ‘Documentación musical en Galicia: metodoloxías para o estudo e difusión’ que reunirá este mércores 14 e o xoves a persoal experto de universidades españolas, do CSIC, do Conservatorio de Vigo e do Museo da cidade, que acollerá o encontro. O seminario está organizado polo proxecto ‘Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia (1875-1936)’ que dirixe o profesor Carlos Villanueva e que, integrado por docentes da USC e de Vigo, se enmarca nas actividades do grupo que traballa en estudos históricos da música en Galicia entre os séculos XI e XX. Froito do seu labor, en colaboración con diferentes organismos como o Museo de Pontevedra, a Fundación Barrié, o Museo do Pobo Galego, as deputacións ou a Residencia de Estudiantes de Madrid publicaron importantes monografías sobre temas relacionados coa vida musical galega. No encontro actualizaranse as accións que en diversos campos foron trazando desde 2009 os membros do equipo e outro persoal investigador que traballan nalgúns dos puntos que o propio programa desenvolve. Así, comezarase este mércores ás 10.00 horas cunha sesión dedicada ao estudo das fontes na que, presidida por Javier Garbayo, intervirán José Antonio Gómez, Beatriz Martínez, Susana Asensio e Miriam Barreiro. Os catro falarán da recompilación da música tradicional en España na primeira metade do XX, de como documentar a danza e da música popular galega. A segunda sesión dedicada ás edicións e á súa problemática, dirixida por Beatriz del Fresno, terá lugar na tarde deste mércores. Xa o xoves é a quenda da xornada sobre as bandas de música que coordina Carlos Villanueva e do legado de Casto Sampedro ligado ao Museo de Pontevedra a cargo de José Antonio Gómez. O encontro rematará o xoves 15 pola tarde cunha visita á exposición de Manolo Quiroga ‘Da gloria ao esquecemento’ e a asistencia a unha conferencia sobre o patrimonio musical do Museo de Pontevedra a cargo do seu director.