Skip to main content

‘Parellæs’ volve ofrecer ao alumnado interesado a posibilidade de realizar intercambios lingüísticos entre galego e catalán

O programa ‘Parellæs’ volve ofrecer ao alumnado interesado a posibilidade de realizar intercambios lingüísticos entre galego e catalán, a través do estudantado orixinario do ámbito lingüístico catalán que actualmente estuda na USC así como do alumnado galego que cursa estudos de catalán. A idea é que as persoas que participen nesta iniciativa teñan a oportunidade de conversar cos súas respectivas parellas nun ambiente relaxado e axeitado para practicar estas linguas, tomando un café, paseando ou saíndo pola noite. Cada parella conformarana un/ha catalánfalante e un/ha galegofalante co obxecto de que os intercambios sexan bidireccionais e mutuamente enriquecedores. Para apuntarse a este programa, as persoas interesadas deberán enviar un correo a dolors.perarnau [at] usc.es (dolors[dot]perarnau[at]usc[dot]es) ou mamerce.lopez [at] usc.es (mamerce[dot]lopez[at]usc[dot]es), facendo constar uns datos persoais mínimos para coñecer o nivel de lingua de cada solicitante, a dispoñibilidade horaria, así como afeccións e preferencias. O seguinte paso será a asignación dun/ha compañeiro/a coa que se deberán compartir como mínimo 10 sesións ata o final do curso. A iniciativa está aberta ao conxunto da comunidade universitaria galega. Como sinalan as súas promotoras, está é unha proposta formativa na que se combina a dimensión lingüística do intercambio, aprender unha ou outra lingua por medio da conversa informal, e a vertente sociocultural, a través do fomento do recoñecemento do plurilingüismo do estado español de cara a superar os prexuízos lingüísticos que ambas as dúas linguas padecen. ‘Parellæs’, coordinado dende o Departamento de Filoloxía Galega pola Área de Filoloxía Catalá, conta co recoñecemento dun crédito de libre configuración para as titulacións de 1º e 2º Ciclo e cunha certificación para os graos.

The contents of this page were updated on 12.07.2011.