Skip to main content

O Nobel de Física Sheldon Glashow coñece en directo na USC o anuncio do CERN sobre o bosón de Higgs

Glashow, segundo pola esquerda, agardando en Física os resultados dos experimentos do CERN
Glashow, segundo pola esquerda, agardando en Física os resultados dos experimentos do CERN
Comparte este martes ese momento coa comunidade investigadora de Física da USC e pola tarde impartirá unha conferencia sobre neutrinos

A comunidade docente e investigadora da USC e o alumnado da Facultade de Física terán a oportunidade de compartir este martes o esperado anuncio dos investigadores do CERN acerca do descubrimento do bosón de Higgs co Premio Nobel de Física en 1979, Sheldon Glashow, auténtica lenda viva da ciencia, que se atopa estes días en Santiago para participar na sexta edición do programa ConCiencia. Pola tarde, ás 20.00 horas no Novo Auditorio Novacaixagalicia (Preguntoiro, 23), pronunciará a conferencia Unha breve historia da física de partículas. A xornada deste martes do Nobel comezará ás 12.00 horas na aula magna de Física cun encontro con estudantes, docentes e persoal investigador sobre os neutrinos e o último experimento do CERN –c uxos resultados refutaba recentemente nun artigo científico-. Posteriormente, ás 14.00 horas, asistirán en directo, vía internet, ao que podería ser o anuncio do descubrimento do bosón que en 1964 formulou o físico británico Peter Higgs como o axente que deu masa á materia tras o Big Bang. Logo de moitos esforzos errados para atopar a partícula, este martes dous equipos de investigadores do centro suízo farán públicos os resultados das súas últimas quendas de colisións de partículas no interior do acelerador que parecen apuntar a un primeiro avistamento do bosón, co que practicamente se pecharía a formulación teórica do Modelo Estándar da Física. Precisamente por esta razón Glashow manifestou o desexo de que non se atope, “de demostrarse a súa existencia, o Modelo Estándar completaríase eliminándose así a posibilidade de abrir novas vías de estudo e investigación teóricas”. Na mesma liña, e aínda que recentemente refutou os resultados do experimento nun artigo científico, o Nobel dixo preferir que se descubrise que os neutrinos son máis rápidos que a luz. “ Isto significaría –manifestou- pór en cuestión non só a relatividade especial de Einstein senón tamén o principio de conservación da enerxía, é dicir, tambalearíanse leis fundamentais da física, o que tamén suporía abrir novas liñas de investigación”. De todos os xeitos, para o profesor Glashow é “improbable” que este martes se anuncie o descubrimento definitivo do bóson de Higgs, algo que prevé “se poderá coñecer ao longo deste ano próximo”. Sheldon Glashow Profesor na Universidade de Boston logo de pertencer durante moitos anos á de Harvard, Glashow é unha lenda viva no eido da física xa que foi quen de unificar dúas das forzas fundamentais do universo como son a electromagnética e a responsable da radioactividade (que se suman á gravitatoria e á forza forte que mantén unidos a protóns e neutróns no núcleo do átomo), o que deu na teoría electrodébil que lle valeu o Premio Nobel en 1979 xunto con Steven Weinberg e Abdus Salam. Especificamente, a acta do Premio xustificaba a decisión polas súas achegas “á teoría da interacción electromagnética e feble unificada entre partículas elementais, incluíndo, entre outras, a predición da corrente neutral feble”. Unificación de forzas Tras a primeira grande unificación da física realizada no século XIX por James Clerk Maxwell, quen demostrou que a electricidade e o magnetismo eran dúas caras dun mesmo fenómeno, Glashow foi quen deu o primeiro paso na dirección de unificar o resto das interaccións. En 1960 construíu un modelo teórico que amosaba que o electromagnetismo de Maxwell e a forza feble, caracterizada por Enrico Fermi, eran en realidade dúas manifestacións dunha única interacción á que chamou electrodébil. Isto pese a que ambas forzas presentan unha aparencia e intensidade moi distintas. A teoría de Glashow predí a existencia dunha partícula nova, o bosón Z, cuxo descubrimento no CERN, en 1973, constitúe un dos fitos da historia da física.

The contents of this page were updated on 12.12.2011.