As Universidades de Galicia, Castela e León e Norte de Portugal constitúen a CRUSOE

Os representantes das universidades de Galicia, Castela e León e norte de Portugal, entre eles o reitor compostelán Juan Casares Long , reuníronse este xoves en León para acordar a creación da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) que aglutina á súa vez á tamén constituída Conferencia de Reitores das Universidades do Noroeste (CRUNO). A reunión de constitución formal será en marzo na Universidade de Porto. Nesta xuntanza elixiuse a comisión xestora que presidirá o reitor da Universidade do Porto, José Carlos Marqués dos Santos, e cuxa executiva está formada polos reitores de Santiago, Vigo, Minho, León, Salamanca e Instituto Politécnico de Bragança. Así mesmo, acordaron que sexan as Universidades de Santiago de Compostela e Vigo as encargadas de elaborar en xaneiro un documento preliminar de traballo para, xa en febreiro, poder ter un borrador do seu plan estratéxico que será elevado a gobernos e instancias políticas e que xirará en torno ás áreas de saúde, co Campus de Excelencia Internacional (CEI) Campus Vida da USC como referencia; sector primario; auga (mar e continente); patrimonio material e inmaterial; medioambiente e enerxía; e desenvolvemento interrexional. Estas liñas de acción aproveitarán o traballo realizado nos CEI das universidades que forman a rede e que en Galicia son dous, Campus Vida na USC e Campus do Mar en Vigo. A RESOE Forman parte desta redeas tres universidades galegas, as catro públicas castelá-leonesas -Burgos Valladolid, León e Salamanca- e as privadas –Pontificia de Salamanca, Católica de Ávila, Europea Miguel de Cervantes e a IE University-, ademais das Universidades portuguesas de Porto, Minho e Tras-os Montes e os catro institutos politécnicos de Viana, Barcelos, Bragança e Porto. Todas estas institucións están formando na actualidade a 275.000 estudantes.