Skip to main content

A Aula de Teatro da USC dá vida na súa nova estrea ao Cabaleiro de Olmedo

A Aula de Teatro da USC dá vida na súa nova estrea ao Cabaleiro de Olmedo
A Aula de Teatro da USC dá vida na súa nova estrea ao Cabaleiro de Olmedo

A Aula de Teatro da Universidade de Santiago estreará este martes 20 no Salón Teatro a súa nova produción, ‘Famosa comedia do cabaleiro de Olmedo, escrita por Francisco de Monteser e editada no ano 1651 en Alcalá, con algunha adición respectuosa para a súa posta en escena’. O pano levantarase ás 21.00 horas con entrada de balde previo paso polo despacho de entradas –só se poderán dúas entradas por persoa-, que estará aberto dende as 19.00 horas. Francisco Antonio de Monteser (c. 1620-1668) edita nun volume conxunto en 1651 a obra Comedia burlesca del caballero de Olmedo, peza que parodia á súa vez El Caballero de Olmedo de Lope de Vega, publicada dez anos antes. Lope de Vega escribe a súa traxicomedia inspirado nun breve cantar moi coñecido que facía referencia con probabilidade a un asasinato acontecido en 1521, e que di Esta noche le mataron / al Caballero / la gala de Medina / la flor de Olmedo. Monteser parodia os arquetipos e situacións que se presentan no texto de Lope, escribindo unha obra dunha sorprendente modernidade e que aínda segue a ser unha grande descoñecida nos escenarios. A posta en escena que realizará a Aula de Teatro da USC baséase nunha adaptación literaria que dirixe Roberto Salgueiro a partir dunha tradución do texto orixinal de Natalia Vázquez. O reparto de personaxes recaeu nesta ocasión en Carla Capeáns (D. Alonso), Lucía Abarrategui (Rei Tello), Patricia Coucheiro (Dona Elvira), Estevo González (Don Pedro), Cristina Amboage (Dona Xoana) e Fran Pérez (Don Rodrigo). A ficha técnico do espectáculo complétase coa participación de Rodrigo Roel que realizou o espazo escénico e atrezzo; Clotilde Vaello, responsable da realización do vestiario; Elena Tinickaya, encargada da imaxe do cartel e programa; Raúl Giraldo, como asistencia técnica; Roi Méndez, nas gravacións do espazo sonoro; e Fernando Cabo e Patricia Coucheiro, que asumiron o tratamento musical da obra.

The contents of this page were updated on 12.19.2011.