Skip to main content

Chega o inverno

Ás 6.30 horas deste xoves dia 22 dará comezo o inverno no noso hemisferio, unha estación que se prolongará ata o 20 de marzo ás 6.14 horas que chegará a primavera. Esta estación invernal é a de menor duración no hemisferio norte, con 88,99 días fronte aos 89,85 do outono, os 92,75 da primavera e os 93,65 do verán. O seu inicio coincide co paso do sol polo punto Capricornio da eclíptica ou solsticio de decembro, producíndose nese intre a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste) que ten como consecuencia que este xoves sexa o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de nove horas. A pesar de que dende o pasado día 7 as tardes xa medraron uns tres minutos, ás mañás seguirán minguando ata o día de Reis “debido a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio e non no Sol verdadeiro”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo. Observacións Nos primeiros días da nova estación, e coincidindo cunha prevista mellora do tempo, poderase observar a simple vista o planeta Mercurio cara ao Este pouco antes da saída do Sol. Xa en torno ao 5 de marzo haberá boas condicións para a visualización de Mercurio, pero neste caso logo do solpor. Actualmente ao anoitecer pódense identificar facilmente dous planetas que destacan polo seu brillo: Venus preto do horizonte ao Oeste-Suroeste e Xúpiter bastante alto. Ademais, Marte continuará visible durante case toda a noite e Saturno, que agora sae sobre as 4.00 horas da madrugada, irao facendo cada vez mais cedo ata poder ser observado durante boa parte da noite en febreiro e marzo. Fenómenos Docobo sinala nesta estación a choiva de estrelas Cuadrántidas que terá o seu máximo o 4 de xaneiro e o día 5 dese mes, ás 2.00 horas, cando a Terra pasará polo punto máis próximo ao Sol sendo ese momento a distancia entre os dous de pouco máis de 147 millóns de quilómetros.

The contents of this page were updated on 12.21.2011.