Skip to main content

A USC rende contas do período 2008-2009 na súa quinta Memoria de Responsabilidade Social

A USC rende contas do período 2008-2009 na súa quinta Memoria de Responsabilidade Social
A USC rende contas do período 2008-2009 na súa quinta Memoria de Responsabilidade Social

‘Adaptándonos ao novo contorno’ é o lema da quinta Memoria de Responsabilidade Social que a USC edita para facer balance do bienio 2008-2009 e dar continuidade así a unha xeira iniciada hai case unha década coa elaboración da primeira memoria de responsabilidade das universidades españolas, a referida a 2003. O novo documento presentouse este mércores 21 publicamente no Colexio de San Xerome nun acto presidido polo reitor Juan Casares e no que tamén interveu a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva. A edición desta memoria –que se pode descargar libremente en formato electrónico dende a web corporativa da USC- é a testemuña do compromiso adquirido pola USC coa promoción dun desenvolvemento sostible e co exercicio da transparencia e a rendición de contas. Así o documento informa a sociedade do desempeño da institución académica respecto das diversas actuacións nos campos económico, medioambiental e social ao longo dos anos 2008 e 2009. Universidade pioneira A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, ao Espazo Europeo de Investigación e os actuais tempos de crise económica e financeira marcaron as actuacións desenvolvidas no período obxecto de análise. Este contexto reforzou a necesidade de integrar os principios, valores e prácticas do desenvolvemento sostible na educación universitaria, tal e como recolle o obxectivo do Decenio da Educación para o Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas (2005-2014). Nesta dimensión, a USC adheriuse en 2003 ao Pacto Mundial das Nacións Unidas (Global Compact) e dous anos máis tarde publicou a súa primeira memoria, converténdose en pioneira neste campo entre as universidades españolas. O compromiso adquirido fai que dende ese momento a USC integre nos seus programas académicos, de investigación e de xestión principios e valores orientados á consecución dun desenvolvemento sostible. O actual equipo reitoral quere a través da edición deste documento revitalizar o compromiso da institución compostelá coa transparencia e a rendición de contas. Na súa elaboración séguense as directrices contidas na guía G3 da Global Reporting Initiative (GRI), considerándose a maiores as singularidades propias das universidades. Co obxecto de que a información sexa comparable coa memoria de 2006-2007 mantense unha estrutura de documentos previos, así como os criterios de recollida e o tratamento dos datos. Xestión transparente en múltiples eidos A información mostrada procede dos rexistros contables e das bases de datos informáticas e documentais da propia universidade compostelá. Algunhas destas fontes, como as memorias económicas da USC, conteñen información xa auditada, o que sustenta a fiabilidade e credibilidade da información ofrecida no documento. Elaborada baixo a coordinación da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade, a memoria ofrece unha completa imaxe da actividade da institución non só nos eidos da docencia, a investigación e os servizos, senón tamén nos do compromiso social e ambiental, permitindo á comunidade universitaria e ao conxunto da sociedade obter unha visión equilibrada e nítida da contribución da USC a un desenvolvemento sustentable. Mantendo a estrutura da última memoria publicada, correspondente ao bienio 2006-2007, os sete capítulos desta reflicten a identidade, orientación estratéxica e estrutura organizativa da institución; os puntais e os resultados da actividade académica; o compromiso coa calidade na docencia e a xestión; o compromiso coa eficiencia e a xeración de valor para o conxunto da sociedade, tanto no eido económico como no da investigación; o compromiso social da USC a través do apoio á inserción laboral e ao emprendemento e o fomento de valores de cidadanía; a responsabilidade social para co persoal; e os esforzos por contribuír á protección e mellora do ambiente.

The contents of this page were updated on 12.21.2011.