Skip to main content

Comeza o labor dos bolseiros da Oficina de Desenvolvemento Sostible

Comeza o labor dos bolseiros da Oficina de Desenvolvemento Sostible
Comeza o labor dos bolseiros da Oficina de Desenvolvemento Sostible

Por oitavo ano consecutivo 27 estudantes da USC foron seleccionados para gozar dunha bolsa de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria para o curso 2010/2011. Esta convocatoria é promovida conxuntamente pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade e o Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua. As bolsas teñen como obxectivo fomentar a participación e sensibilización da comunidade universitaria mediante a súa implicación en proxectos ambientais, sociais ou de integración. Así, as persoas beneficiarias colaborarán na xestión dos puntos verdes para a reciclaxe de diferentes residuos nos centros, no estudo de hábitos de transporte na USC e na promoción de actividades relacionadas con temática ambiental e cursos de participación ambiental. Por outra banda, a Oficina de Desenvolvemento Sostible convocou por primeira vez bolsas -6 en Santiago e 3 en Lugo- para o programa 'USC en Transición' coas que traballarán na dinamización da comunidade universitaria da USC para promover modelos de vida máis sostibles que contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade. USC en transición conta cun web no que se recolle información sobre o concepto das comunidades en transición, preséntanse as iniciativas desenvolvidas o curso pasado e proporciónanse documentos sobre esta temática. Tamén conta cun foro sobre o programa, que pretende converterse nunha ferramenta de comunicación entre todas as persoas participantes no proxecto. A Oficina de Desenvolvemento Sostible reuniu a todos os bolseiros e bolseiras por primeira vez este venres na Residencia Universitaria Monte da Condesa. Na xuntanza a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, fíxolles entrega das credencias e presentoulles ás persoas encargadas de coordinar o seu labor, que aproveitaron para explicarlles a dinámica de traballo. Posteriormente participaron en actividades formativas relacionadas coa sostibilidade e a participación universitaria coordinadas por expertos en educación ambiental do grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC e da Federación Ecoloxista de Galicia. A Oficina

O Consello de Goberno da USC aprobou o pasado 7 de novembro a constitución da Oficina de Desenvolvemento Sostible, culminando así unha longa traxectoria de traballo a prol do medio ambiente na USC, que se iniciou en 2003 coa aprobación do Plan de Desenvolvemento Sostible (PDS) e da figura do seu coordinador/a. Nestes anos, o PDS levou a cabo numerosas actuacións encadradas en tres eixos, como son a xeración de coñecemento e educación ambiental, a planificación, xestión e avaliación ambiental e a divulgación, participación e sensibilización.

The contents of this page were updated on 12.02.2011.