Skip to main content

O grupo de enxeñaría ambiental e bioprocesos da USC recibe o premio de invención e investigación da Fundación García Cabrerizo

O grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química da USC recibiu o Premio de Invención e Investigación en Química Aplicada ‘Premio Martínez Moreno’ outorgado pola Fundación García Cabrerizo e a Universidade de Sevilla. O profesor Juan Lema recolleu o galardón en representación do grupo que el mesmo dirixe nun acto celebrado no Salón de Actos do CSIC en Madrid. O xurado dos premios decidiu concederlle o galardón ao equipo compostelán como un recoñecemento á “contribución do grupo ao desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras no eido do tratamento e augas residuais” valorando o dobre obxectivo de avanzar no coñecemento científico-tecnolóxico e a aplicación para a resolución de problemas da sociedade. No mesmo acto recibiron as medallas de invención García Cabrerizo as empresas Ikusi e Indra. O grupo O grupo de investigación ‘Enxeñaría ambiental e bioprocesos’, constituído actualmente por uns 60 investigadores, orienta os seus traballos cara ao desenvolvemento e aplicación de procesos innovadores orientados á resolución de problemas ambientais, máis especialmente no ámbito das augas residuais -industriais e urbanas- e das tecnoloxías limpas aplicadas a procesos industriais, incluíndo a avaliación da súa sustentabilidade mediante a análise de ciclo de vida. Dende a súa creación, a partir do ano 1985, ten contribuído á resolución de problemas especialmente relevantes en Galicia como os relacionados coas industrias conserveiras, da madeira, do sector químico, lácteo e de fabricación de taboleiros de fibra así como á produción de biocombustibles. No grupo formáronse máis de 50 doutores, actualmente profesores en diversas universidades e centros de investigación en España e Iberoamérica (Chile, México, Colombia) e responsables de departamentos I+D en centros tecnolóxicos e empresas. Dende o ano 2000, a súa produción científica ascende a máis de 450 traballos en revistas internacionais e capítulos de libros, 9 patentes de invención (3 internacionais e 6 españolas), tendo participado en 14 proxectos europeos, 21 proxectos do plan nacional de I+D e 13 do plan galego. Participa en 11 redes e acciones con diferentes países de Europa e Iberoamérica. Actualmente coordina o proxecto Novedar, o único do programa Consolider liderado por unha Universidade galega, no que participan 11 grupos españois e holandeses. Ademais, leva mantidos máis de 50 contratos de investigación relevantes con empresas, entre eles varios dos programas CENIT ou Proxectos Singulares Estratéxicos (PSE). O seu orzamento en I+D supera os 1,5 millóns de euros anuais, cun financiamento equilibrado procedente de proxectos europeos, españois, galegos ou con contratos con empresas. Membros do grupo teñen recibido diferentes premios, entre eles o ‘Ingeniero Comerma’ (Ferrol), ‘Deserca Ingenieros’ (Madrid), ‘Innovación tecnológica’ da Fundación Babcock (Bilbao), o “European Prize of Aplication of Enzymes” (Barcelona) e a Medalla de Ouro de Enxeñaría Química da Universidade de Valladolid. Dende a primeira convocatoria está recoñecido pola Xunta de Galicia como Grupo de Referencia Competitiva. Os premios de invención “García Cabrerizo” A fundación García Cabrerizo ten como un dos seus obxectivos principais o recoñecemento da invención e a investigación aplicada. Especificamente no ámbito da química aplicada outórganse, conxuntamente coa Universidade de Sevilla, os premios ‘Martínez Moreno’ que nesta ocasión celebran a súa duodécima edición. En edicións anteriores os premios recaeron tanto en empresas (Refinería da Rábida de Cepsa, Puleva e Gonzalez Byass), como en centros de investigación (Instituto de Tecnoloxía Cerámica de Castellón, Instituto da Grasa de Sevilla ou os Laboratorios de Cepsa) e investigadores (os profesores Jose Coca e Jose Barluenga, da Universidade de Oviedo, Luis Gutierrez Jodra e Arturo Romero da Complutense de Madrid e Ernesto Carmona, da Universidade de Sevilla).

The contents of this page were updated on 12.01.2011.