Skip to main content

A USC e outras dez institución europeas estudarán de xeito multidisciplinar e en perspectiva histórica o tráfico de escravos

Antonio Salas coordina o único equipo español do proxecto
Antonio Salas coordina o único equipo español do proxecto

A USC sumará os seus esforzos ao doutras dez institucións de investigación de sete países europeos para examinar as consecuencias do tráfico de escravos, en perspectiva histórica, conducido polas grandes potencias europeas da época. O profesor Antonio Salas Ellacuriaga coordinará o equipo da USC implicado, a través do Instituto de Medicina Legal e do Departamento de Anatomía Patolóxica, sendo o único representantes español do proxecto, ademais de que é a primeira vez que un contrato Marie Curie Initial Training Network recae nun investigador da Universidade compostelá. Baixo a denominación de Eurotast e cunha achega de 4,3 millóns de euros, o proxecto estenderase ao longo dos próximo tres anos, ata 2015, e permitirá apoiar ademais a formación de 15 novos investigadores. O deseño desta liña de investigación toma conciencia da necesidade de explorar o legado do tráfico de escravos en orixe e en destino, dende os principais responsables (Europa) aos principais afectados (África). O tráfico de escravos representa un dos capítulos máis dramáticos da historia, hoxe en día recoñecido como un crime contra a humanidade. O interese que existe na USC neste eido de estudo data xa de 10 anos, cando os investigadores comezaron a estudar os patróns de variabilidade en distintos continentes en relación ao tráfico de escravos. Os resultados deste traballo son numerosas publicacións en revistas de alto índice de impacto, tales como American Journal of Human Genetics. Estes proxectos previos focalizáronse cara o entendemento dos patróns de variabilidade no ámbito continental, dende a perspectiva da meta-xenómica, pero tamén dende o interese máis local, estudando os patróns en diversos países de América (Estados Unidos, México, Cuba, O Salvador, Arxentina, Venezuela ou Colombia, entre outros) ou en determinados grupos étnicos. Os investigadores da USC tamén se interesaron polas aplicacións que o proxecto ten noutras disciplinas transversais, tales como a xenética forense ou a xenética clínica. Segundo Antonio Salas, moitas aplicacións biomédicas teñen o seu fundamento sobre o entendemento da variabilidade nas poboacións humanas, “non concibo como se pode entender unha patoloxía de causa xenética sen entender antes o seu contexto poboacional”, sinalou. Eurotast é unha nova rede europea de investigación no que teñen cabida o mundo académico europeo e especialistas de África occidental e o Caribe. Entre as institución involucradas atópanse, ademais da USC, as universidade de Copenhague, de Bristol, de York, o CNRS e DeCode Genetics en Reikiavik. O seu fin último é intentar entender un dos movementos demográficos máis masivos da historia, xa que involucrou a máis de 12 millóns de personas, así como estudar as consecuencias que se derivan hoxe en día deste proceso. De carácter multidisciplinar, a rede posúe ademais un forte carácter científico pero tamén un compoñente divulgativo ao querer trasladar os resultados das investigacións a museos, escolar e medios de comunicación. No proxecto conflúen expertos en historia, arqueoloxía, xénetica/xenómica e antropoloxía social.

Máis información sobre Eurotast en http://www.eurotast.eu ou en http://www.eurotast.eu/research/ESRs/esr5.

The contents of this page were updated on 12.01.2011.