Skip to main content

Investigadores da USC desenvolven un chip de ADN para detectar con rapidez e de xeito simultáneo todos os microorganismos patóxenos en alimentos de orixe mariña

A investigadora Carola Boehme realizou a súa tese de doutoramento sobre esta temática
A investigadora Carola Boehme realizou a súa tese de doutoramento sobre esta temática

Un equipo de investigadores do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (LHICA) da Universidade de Santiago de Compostela está a avanzar no desenvolvemento de métodos moleculares rápidos que permitan a detección e identificación de microorganismos patóxenos ou alterantes da calidade en alimentos de orixe mariña. A USC colabora nesta liña con expertos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, da Universidade Complutense de Madrid e do Consello Nacional de Investigación en Milán. O coordinador do proxecto, o catedrático do departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, Jorge Barros Velázquez,xunto coa profesoraPilar Calo Mata, sinalan que están a traballar con alimentos de orixe mariña, procedentes tanto da pesca extractiva como da acuicultura. Indica que se centran neste sector porque é especialmente importante no eido da alimentación en Galicia, ao tempo que teñen moi boa receptividade por parte da industria á hora de probar os resultados das súas investigacións. De todos os xeitos, tal como aseguran os expertos, as técnicas que están a desenvolver tamén se poden aplicar noutros sectores alimentarios como o lácteo ou o cárnico. O equipo da Universidade de Santiago elaborou unha base de datos de bacterias que servirá como referencia para a detección precoz das mesmas en alimentos. Trátase dunha “gran colección” de microorganismos de orixe alimentaria, que son patóxenos ou que modifican a calidade dos alimentos do mar. Ademais, xa os teñen caracterizado dende o punto de vista xenético, xa que, tal como explica o profesor Barros Velázquez, “hai rexións do xenoma deses microorganismos que son específicas, o cal permite distinguir especies ou incluso cepas dunha mesma especie”. Un dispositivo de tamaño inferior a un teléfono móbil Por outro lado, os investigadores deseñaron sondas xenéticas específicas, é dicir, dispositivos que se dirixen a unha diana concreta de cada microorganismo. Trátase dunha especie de chip de ADN. Con esta tecnoloxía pódese detectar en pouco tempo a presenza de ata centos de microorganismos patóxenos ou alterantes nun mesmo ensaio. Tal como explica Barros Velázquez, “é un dispositivo miniaturizado que nos permite identificar a existencia de calquera microorganismo problemático presente nos produtos da pesca e da acuicultura”. Unha vez que xa se deseñaron as sondas xenéticas, o seguinte paso é a fabricación do dispositivo, dun tamaño bastante inferior ao dun teléfono móbil. Este sistema proporciona moita información en moi pouco tempo, de grande interese para a industria alimentaria O método desenvolto polo equipo da Universidade de Santiago permite realizar análises “moi robustas, rápidas e potentes”, tal como declara o coordinador do proxecto , Jorge Barros. Afirma que “nun só ensaio é posible detectar e identificar todos os microorganismos importantes que afectan ao sector”. Este sistema proporciona moita información en moi pouco tempo. E isto resulta fundamental para a industria alimentaria, de cara a tomar medidas inmediatas ante calquera eventualidade que poida comprometer a seguridade ou a calidade dun determinado lote de produtos. Trátase dun sistema novidoso, xa que os métodos que se empregan na actualidade identifican cada microorganismo por separado ou ben por grupos microbianos, o que obriga a realizar moitos ensaios diferentes para un único alimento. Ademais, os métodos tradicionais “ás veces poden presentar complicacións, sobre todo no caso de microorganismos difíciles de distinguir”& #160; -apunta o profesor-, mentres que coa tecnoloxía que empregan os investigadores da USC faise “unha análise sensible e específica”. Os investigadores desenvolveron un ensaio miniaturizado. Trátase dunha superficie moi pequena pero que permite identificar moitos microorganismos á vez e en moi pouco tempo. O equipo xa está a traballar para a industria do sector en Galicia, aplicando os resultados dos seus avances neste eido.

The contents of this page were updated on 08.07.2010.