Skip to main content

A profesora Carolina Tinajero Vacas tomou posesión como decana da Facultade de Psicoloxía

O reitor, no centro, xunto ao novo equipo decanal de Psicoloxía
O reitor, no centro, xunto ao novo equipo decanal de Psicoloxía

A profesora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación Carolina Tinajero Vacas tomou posesión este luns 29 do seu cargo como decana da Facultade de Psicoloxía nun acto protocolario que presidiu o reitor Juan Casares no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. A profesora Tinajero resultou elixida o pasado mes de maio nunha votación da Xunta de Facultade na que acadou en primeira volta 48 votos do total de 55 emitidos. O seu equipo decanal estará composto polos profesores Dámaso Rodríguez e Mauro Rodríguez como vicedecanos, e pola profesora Paula Villar como secretaria. No acto protocolario celebrado este luns na Reitoría, Tinajero Vacas trazou algúns dos eixos que guiarán esta novo etapa ao fronte da Facultade de Psicoloxía. Entre eles e tendo como referente a calidade na docencia e a investigación, a decana destacou o proceso de converxencia co Espazo Europeo de Educación Superior ou os novos desafío asociados ao prácticum de Psicoloxía, ao considerar que se atopa en perigo dados os requirimentos de carga docente que impón o novo grao. A decana realizou ademais unha análise arredor dos recursos humanos en canto a carencias e fortalezas neste eido, e sobre os espazos dispoñibles no centro para o desenvolvemento das actividades docentes, investigadores e de prestación de servizos que habitualmente se realiza na Facultade. A profesora Tinajero aludiu a estas temas apelando ao déficit de recursos, tanto no persoal como no infraestrutural, ao considerar que a situación actual lastra as aspiracións de calidade fixadas para a Facultade. O reitor Juan Casares mostrou o apoio decidido e comprometido do equipo de goberno da USC para coa Facultade de Psicoloxía, da que destacou a súa implicación co conxunto da institución académica e o seu compromiso coa sociedade que a rodea. Carolina Tinajero Carolina Tinajero Vacas logo de licenciarse en Filosofía e Ciencias da Educación, sección de Psicoloxía, gradúase nesta disciplina en 1989 e obtén o doutoramento en 1993. Profesora titular dende o ano 2001, ten participado como investigadora en máis dunha decena de proxectos e contratos de investigación con financiamento da Xunta de Galicia, do Ministerio de Educación ou da Unión Europea, entre outras entidades convocantes. O contexto do desenvolvemento infantil en Galicia, a intervención en nenos con fracaso escolar ou en cuestión de rendemento escolar son algúns das liñas de traballo da súa faceta investigadora. Con preto de 30 artigos publicados en revistas nacionais e internacionais especializadas, Carolina Tinajero ten impulsado ademais diversas experiencias piloto na súa facultade arredor da adaptación das materias da titulación de Psicoloxía e das titorías personalizadas do centro ao Espazo Europeo de Educación Superior. Juan Casares e Carolina Tinajero momentos antes do inicio do acto protoclario de toma de posesión

The contents of this page were updated on 11.29.2010.