Skip to main content

O Nobel de Física en 2007, Albert Fert, reuniuse na USC coa comunidade científica líder da espintrónica en España

Ao encontro asistiron destacadas figuras da espintrónica en España
Ao encontro asistiron destacadas figuras da espintrónica en España

O Nobel de Física en 2007, o francés Albert Fert, reuniuse este venres no Centro de Estudos Avanzados coa comunidade científica líder da espintrónica, algúns deles antigos discípulos no seu laboratorio francés. Este cumio científico, denominado ‘Spaintronics’, contou ademais con parte da rede investigadora galega que traballa neste ámbito.
Coa concesión do Premio Nobel en 2007, o profesor Fert culminaba unha carreira científica exitosa ao longo da cal liderou o desenvolvemento da espintrónica, que se ocupa do uso do espín electrónico para dispositivos electrónicos útiles, máis alá do tradicional uso da carga electrónica nos dispositivos baseados en semiconductores.
Fert pecha así a súa participación no Programa ConCiencia que, organizado pola USC e o Consorcio de Santiago, o trouxo á cidade para impartir a conferencia ‘O mundo da espintrónica: electróns, espíns, computadoras e teléfonos’ que este xoves seguiu con grande atención numeroso público na Aula Sociocultural da Fundación Caixa Galicia. Fert, da Universidade París-Sur, acadou o Nobel -compartido con Peter Grünberg-polo descubrimento da magnetorresistencia xigante, un fenómeno que deu lugar a unha revolución no eido do rexistro e acceso á información. O tempo de transferencia do coñecemento dende a fase de investigación básica á de aplicación industrial ao máximo nivel foi de apenas unha década, co cal converteuse en paradigma. O seu achado, unha das principais aplicacións reais do emerxente campo da nanotecnoloxía, está presente nos ordenadores portátiles, reprodutores musicais e, en xeral, en moita da electrónica de consumo que usamos actualmente.
Buscar alternativasNun encontro cos medios de comunicación advertiu de que a electrónica tradicional, a do silicio, ten un límite físico que data en dez anos e para que hai que atopar alternativas. Apuntou a longo prazo a espintrónica, pero sinalou a electrónica molecular como a substituta da tradicional nese curto período de tempo.
Precisamente falando da espintrónica animou á comunidade científica europea a que poñan “todos os esforzos en liderar os avances neste campo, en resposta a países emerxentes como Corea, India e China, que desenvolverían todo o ciclo dos novos dispositivos tecnolóxicos, desde o seu inicio ata a súa comercialización”.

The contents of this page were updated on 04.30.2010.