Skip to main content

Comeza un curso sobre iniciativas dinamizadoras para os concellos do proxecto 'e+s Miño' da USC

É a terceira das once accións formativas para traballadores de Terras do Miño que se desenvolverán ata maio de 2011 dentro deste programa

O curso ‘Innovación e iniciativas dinamizadoras en Reservas da Biosfera’, enmarcado no proxecto ‘e+s Miño’ que promove a USC en colaboración coa Consellaría de Traballo e Benestar e o Grupo de Desenvolvemento Rural Terra Chá, e que financia o Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad, comeza este luns 1 de marzo.
Esta actividade, a terceira das once accións formativas que se levarán a cabo dentro do proxecto ‘e+s Miño’, desenvolverase nas Casas da Cultura de Abadín e Cospeito os días 1, 2, 3, 8, 9 e 10 de marzo en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas os luns, e de 16:30 a 20:30 horas os martes e mércores. As xornadas prácticas serán no lugar de interese comunitario (LIC) Ladra-Parga-Támoga e no Camiño Norte.
O obxectivo destas sesións é formar a empresarios, traballadores, agricultores e gandeiros dos concellos da Reserva da Biosfera Terras do Miño nos usos actuais e potenciais dos recursos naturais e culturais dos seus municipios, visibilizar as potencialidades que ofrecen e aproveitar o patrimonio cultural como unha oportunidade para a creación de emprego.
Entre outros asuntos, no curso abordarase o papel do turismo como motor económico e o seu desenvolvemento nun espazo natural protexido, a planificación sostible do territorio e a restauración.
Proxecto ‘e+s Miño’O proxecto ‘e+s Miño’ diríxese aos 26 concellos incluídos en Terras do Miño, todos eles situados na conca alta deste río e que no ano 2002 recibiron da Unesco a máxima catalogación medioambiental: A Pastoriza, Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, O Corgo, O Páramo, O Valadouro, Ourol, Outeiro de Rei, Pol, Rábade, Riotorto, Vilalba e Xermade.
O proxecto desenvolverase ata o mes de maio de 2011 co obxectivo de promover a formación ambiental dos traballadores dos municipios implicados, incrementando a súa cualificación e competencia, promovendo a incorporación da sostibilidade ás empresas e a adaptación das actividades económicas á normativa ambiental. Ademais, pretende detectar novas oportunidades de negocio ligadas á conservación e valorización do entorno desta Reserva da Biosfera.
As accións formativas previstas inclúen cursos sobre o aproveitamento sostible da pedra, o turismo da auga, a xestión forestal sostible ou a empresa verde e a responsabilidade social corporativa.

The contents of this page were updated on 02.26.2010.