Skip to main content

A xestión de residuos de papel e cartón da USC, seleccionada polo Ministerio como boa práctica universitaria

O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (ASPAPEL) están a diagnosticar a xestión de residuos de papel e cartón nas universidades españolas. A Universidade de Santiago de Compostela, seleccionada como exemplo de boa práctica, participa no estudo ministerial no que se reflectirán os resultados da enquisa web sobre a xestión de papel e cartón na USC que este xoves se remite a todos os membros da comunidade universitaria. O sistema para a recollida selectiva de papel e cartón na USC, establecido conxuntamente pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC dependente da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade e a Unidade de Xestión de Residuos Perigosos do Servizo de Prevención de Riscos, baséase na dotación de papeleiras nos postos de traballo individuais e de colectores para as zonas comúns dos edificios universitarios. Na actualidade, disponse de 3.794 papeleiras e 267 colectores de papel repartidos entre facultades, escolas universitarias e edificios administrativos. A dotación deste tipo de infraestruturas permitiu que en 2008 se reciclase o 67% do papel que se consume na USC.

A Oficina de Desenvolvemento Sostible pon a disposición da comunidade universitaria colectores para a recollida selectiva de papel e cartón, envases, pilas, tinta e tóner, móbiles, disquetes e CDs e DVDs. As peticións para a dotación de colectores deben realizarse a través do enderezo plands [at] usc.es (plands[at]usc[dot]es)

The contents of this page were updated on 09.30.2010.