Skip to main content

O novo número de ‘Semata’ analiza de xeito monográfico o legado das catedrais

O novo número de ‘Semata’ analiza de xeito monográfico o legado das catedrais
O novo número de ‘Semata’ analiza de xeito monográfico o legado das catedrais
Fai o número 22 da colección

‘O legado das catedrais’ é o lema co que ve a luz un novo número da revista Semata, concretamente o que fai o número 22 da colección, presentado este martes 30 na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia. Interviñeron na presentación o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo; o decano da Facultade, Juan Monterroso; os coordinadores do volume, os profesores Miguel Taín Guzmán e Roberto J. López; o director do Servizo de Publicación e Intercambio Científico, Juan Blanco Valdés; e a presidenta do Consello de Redacción da revista, Mª Carmen Saavedra. Este número é un volume monográfico que propón unha reflexión sobre as catedrais achegando reflexións procedentes da historia, a historia da arte, a xeografía ou a arquitectura. A obra posibilita que os investigadores, tanto nacionais como internacionais, que actualmente teñen como obxecto de estudo as catedrais galegas ou españolas presenten os seus últimos resultados. O sumario deste novo número preséntase articulado en tres bloques temáticos baixo os epígrafes ‘As catedrais hoxe. Investigación, conservación e usos’; ‘Bispos, cabildos, cóengos e fábricas catedralicias’; e ‘Cultura e padronazgo artístico capitular’. Os tres bloques teñen como elemento común e protagonista á Catedral de Santiago. No primeiro dos bloques, ‘As catedrais hoxe, atópanse unha serie de artigos asinados por Cermán Ramallo, María Teresa Laguna, Belén Castro, Mª José Piñeira, Xosé Santos, Javier Garbayo e Roberto J. López. No segundo bloque abórdase a organización administrativa das catedrais e do seu patrimonio ao longo da historia con colaboracións dos profesores Arturo Morgado, Ignasi Fernández Terricabras, Francisco Pérez Rodríguez, Arturo Iglesias, Xosé Sánchez, Mª José Carrera, María Seijas, Fernando Suárez e Ofelia Rey. Para rematar e baixo o lema ‘Cultura e padronazgo artístico capitular’ atópanse un conxunto de contribucións que a analiza a actividade das catedrais como promotores das artes e a súa responsabilidade na implantación e propagación dos diferentes estilos europeos non só nas súas sedes urbanas senón tamén a través das súas propiedades (casas, pazos e curatos de presentación). Sobre estas cuestión presentan as súas análises Miguel Sobrino, Alberto Sanjurjo, José Calvo, Anke Wunderwald e Annette Münchmeyer, Francisco Singul, Miguel Cajigal, Marica López, José Manuel López, Marta Cendón, Miguel Taín, Raquel Alonso e Pilar Alén.

Segundos os seus coordinadores, o novo número de Semata consegue “un volume de grande interese, interdisciplinar e rico en contidos” que foi posible “grazas ao compromiso dunha serie de investigadores e profesionais de extraordinaria valía unidos por unha paixón común, o estudo do legado das catedrais”.

The contents of this page were updated on 11.30.2010.