Comeza en Dereito o sétimo curso Jean Monnet 'Integración europea e dereito privado'
O sétimo curso Jean Monnet ‘Integración europea e dereito privado’ vaise celebrar entre os vindeiro días 9 e 17 no Salón de Actos da Facultade de Dereito. As persoas interesadas aínda poden matricularse ata o próximo luns 8 de marzo na web do curso.
Serán un total de seis xornadas ao longo das que, partindo dun bloque temático introdutorio, os asistentes se achegarán a cuestións xerais do mercado interior europeo, con especial atención aos contratos transfronteirizos na UE; propiedade industrial; e sobre a publicidade dende o punto de vista da relación entre competencia e consumidor ante a crise económica.
O programa pechará cunha sesión especial que contará coa intervención da directora xeral de Consumo, Etelvina Andreu, para falar sobre ‘Protección do consumidor. Accións fronte a crise dende España’. Xunto a ela, intervirán ademais unha representación da Xunta de Galicia para analizar esta mesmo caso na comunidade galega; o profesor da USC Francisco Hernández, cun relatorio sobre a protección do inversor fronte a crise económica; rematando co profesor Udo Reifner, catedrático de Dereito Privado da Universidade de Hamburgo, que falará sobre ‘Protección do consumidor e crise financeira’.
Organizan este curso o Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC, a Área de Dereito Mercantil e o Programa Jean Monnet da Comisión Europea, coa colaboración do Instituto de Dereito Industrial da USC.