O reitor da USC presenta o novo equipo da Unidade de Resonancia Magnética en Lugo
O reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; e o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Jesús Casabiell Pintos; presentarán este xoves 4 ás 17:00 horas no edificio CACTUS de Lugo o novo espectómetro de resonancia magnética nuclear multifunción que se acaba de instalar e xa está operativo na Unidade de Resonancia Magnética do campus lugués. A presentación poderase seguir por videoconferencia dende a Facultade de Bioloxía de Santiago.
O responsable da Unidade de Resonancia Magnética da USC, Manuel Martín, será o encargado de explicar as vantaxes do novo espectómetro centrándose na posibilidade que ofrece para realizar espectroscopías de resonancia magnética nuclear (RMN) rápida en disolución.
Pedro Ramos, da Unidade de Imaxe Molecular do Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicas do CHUS, disertará sobre a imaxe de resonancia magnética funcional (MRIf) en roedores, outra das tecnoloxías punteiras que ofrece este equipamento.
O novo equipoO novo espectómetro instalado nos laboratorios da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) no Campus de Lugo permite realizar experimentos avanzados de resonancia magnética funcional in-vivo (MRIf) a un campo magnético ultra-alto de 11.7 Teslas e dispón dun equipamento excepcional para espectroscopía de resonancia magnética nuclear cubrindo as tres técnicas existentes: RMN en disolución, estado xel e estado sólido, o que supón un salto cualitativo para moitas áreas de investigación da USC.