Skip to main content

Os XXV Encontros de Educación para a Paz avalían os dereitos e as responsabilidades de nenos, nenas e adolescentes

Os XXV Encontros de Educación para a Paz avalían os dereitos e as responsabilidades de nenos, nenas e adolescentes

Os dereitos e as responsabilidades de nenos, nenas e adolescentes serán o eixo dos XXV Encontros de Educación para a Paz que se van celebrar na Facultade de Ciencias da Comunicación dende este xoves 11 ata o sábado 13.
A conferencia inaugural celebrarase o xoves, día 11, a partir das 18:30 horas a cargo de Mar Etienne Pérez, conselleira técnica da Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial do Ministerio de Educación, e baixo o título ‘Dereitos e responsabilidades de nenos, nenas e adolescentes’. Esta primeira xornada completarase coa presenza do catedrático de Pedagoxía Social da USC, Xosé A. Caride, que pronunciará a conferencia ‘Educación Social e valores cívicos’.
Ao día seguinte, o venres 12, a partir das 18:00 horas a presidenta de Unicef España Consuelo Crespo cunha reflexión arredor das ‘Perspectivas de futuro da Convención sobre os dereitos do neno e a nena’. Seguiralle a coordinadora académica da Cátedra Unesco de Filosofía per la Pau da Universidade Jaume I de Castelló, Irene Cominis, reflexionará sobre ‘A filosofía do coidado’.
A xornada do sábado 13 estará dedicada exclusivamente ao desenvolvemento de obradoiros e experiencias educativas a cargo de Amnistía Internacional, Unicef e do Seminario Galego de Educación para a Paz, ademais dunha sesión de maxia. Na conferencia de clausura, a psicóloga e autora de El NO, ayuda a crecer, Mª Jesús Álava, falará sobre ‘Por que son os fillos máis tiranos hoxe? Claves para as familias’.
A XXV edición dos Encontros, que se celebran ininterrompidamente en Compostela desde 1985, están organizados polo Seminario Galego de Educación para a Paz e dirixidos especialmente ao alumnado universitario, profesorado de infantil, primaria e secundaria, así como a nais e pais de familia. Neste caso analizarase, desde enfoques diversos, tanto a educación en dereitos como as responsabilidades que cada dereito conleva para o alumnado, as nenas, nenos e adolescentes. Na súa organización colaboran, ademais das tres universidades, a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña.

The contents of this page were updated on 03.10.2010.