Skip to main content

Galeguizando o software libre na USC

Tras o éxito do pasado ano, a ETSE organiza en abril o segundo Fiadeiro de localización

A iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, e por segundo ano consecutivo, persoas da USC con perfís moi diferentes, sexan estudantes, docentes ou PAS, terán a oportunidade de traballaren a prol da galeguización dunha serie de aplicacións informáticas de software libre que se utilizan na Escola.
Co ‘ETSE Open’, que ten xa aberta a preinscrición, trátase de impulsar, coa debida formación técnica previa, unha comunidade universitaria que poida, en primeira instancia, traducir ao galego software de uso docente na ETSE, mais tamén participar noutros eventos de localización na USC. Por outra banda, búscase contar con software de uso docente en galego que facilite a incorporación e o uso pleno desta lingua nas aulas.
A iniciativa conta con dúas actividades interrelacionadas, unha primeira formativa sobre as bases técnicas e prácticas para abordar proxectos de tradución e unha segunda acción de localización en que se poñerán en práctica por parellas todos os contidos aprendidos ao traducir unha aplicación de software para o galego.
Os xoves 15 e 22 de abril terán lugar os obradoiros en que técnicos e lingüistas da Oficina de Software Libre da USC introducirán aos participantes nos rudimentos do traballo de localización. Serán en horario de mañá na aula que o Departamento de Electrónica e Computación ten na Residencia Universitaria Monte da Condesa.
Xa o 30 de abril as persoas que participaron no obradoiro reuniranse de novo para compartir música, comida, conversa e traballo de localización. Haberá mesmo un premio «Máis e mellor» para aquel equipo que sexa quen de traducir máis cantidade de cadeas e coa maior calidade.
O II ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de software libre, organizado conxuntamente coa Oficina de Software Libre e co Servizo de Normalización Lingüística, busca a promoción da lingua galega ligada ao impulso na utilización do software libre na USC, cumprindo así varios obxectivos recollidos tanto no Plan de Normalización Lingüística como no Plan Estratéxico das TIC.

The contents of this page were updated on 03.11.2010.