Skip to main content

A Unidade de Xestión Forestal Sostible da EPS presentou unha recompilación de traballos sobre produción forestal

O libro, presentado nun acto no que interveu o conselleiro de Medio Rural, pon a disposición dos xestores forestais todas as ferramentas silvícolas actuais

Achegar aos xestores forestais as ferramentas silvícolas dispoñibles na actualidade para o aproveitamento sostible das masas das principais especies de árbores galegas é o obxectivo do libro Herramientas selvícolas para la gestión forestal sostenible en Galicia, unha recompilación e actualización dos traballos sobre crecemento e produción forestal realizados nos últimos quince anos polo grupo de investigación ‘Unidade de Xestión Forestal Sostible’ (UXFS) da Escola Politécnica Superior do campus lugués. A obra, que este luns se presentou en Lugo, foi editada pola Consellaría de Medio Rural.
Segundo explicou o coordinador do libro, o profesor Ulises Diéguez, con este traballo preténdese dar a coñecer aos silvicultores e xestores forestais, investigadores, docentes e estudantes de facultades e centros de investigación forestais de Galicia e doutras rexións, ferramentas de uso actual como as curvas de calidade de estación, as táboas de produción, os modelos de árbore individual ou as tarifas de biomasa e de contido de carbono. Ademais de presentar estas ferramentas o libro facilita o seu manexo, xa que inclúe un CD con diversas aplicacións informáticas como é a última versión do simulador de crecemento e produción de rodais forestais ou a ecuación que permite estimar o diámetro e o volume dos troncos a partires das dimensións do tocón, moi útil para casos de cortas en medicións previas.
Herramientas selvícolas para la gestión forestal sostenible en Galicia preséntase tamén como unha oportunidade para mellorar e profesionalizar o sector madeireiro en Galicia, que cada ano aproveita entre seis e oito millóns de metros cúbicos de madeira, case a metade da que se corta en España pero tamén a metade dos recursos dos que dispón a comunidade, e move arredor de 200 millóns de euros.
Na presentación do libro estiveron os seus trece autores, o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez; o subdirector de Organización Académica da EPS, Ramón Mariño; e o xefe territorial da Consellaría de Medio Rural en Lugo, Ramón Carballo.
Unidade de Xestión Forestal SostibleA Unidade de Xestión Forestal Sostible, adscrita ao Departamento de Enxeñaría Agroforesta da Escola Politécnica Superior de Lugo e coordinada polo profesor Alberto Rojo, é un grupo de investigación de carácter interdisciplinar e temática forestal, que conta con profesores pertencentes aos departamentos de Enxeñaría Agroforestal, Produción Vexetal e Edafoloxía, e Química Agrícola. Realiza actividades de investigación así como traballos e proxectos para empresas e administracións públicas.
Dende o ano 1995, e formalmente como grupo dende o ano 2002, este equipo de investigación encárgase formalmente do mantemento e seguimento dunha rede de parcelas permanentes de experimentación forestal, co obxecto de poder dispor da información precisa para elaborar ferramentas silvícolas de apoio á xestión forestal dos montes galegos.

The contents of this page were updated on 03.15.2010.